O Pescados Rubén Burela FSF non deu opción ao Poio Pescamar no derbi galego (5-1) e segue líder da Liga Foro 16 Feminismo. O conxunto laranxa manterá presumiblemente a súa renda de tres puntos sobre o Atlético Futsi Navalcarnero, que ao peche desta nova mandaba no descanso (0-3) no seu envite contra o Guadalcacín.
Trala apurada vitoria en Esplugues de Llobregat, o cadro burelao fixo unha demostración de forza e gobernou o duelo desde o inicio. Dany aproveitou unha recuperación para anotar o 1-0 no minuto 7 e segundos despois tivo o 2-0 nas súas botas.
Jenny gozou doutra boa oportunidade antes de que Cilene marcase, ao borde do cuarto de hora, o segundo gol das locais, que chegaron ao descanso cunha renta de dous goles escasa para o seu dominio.
SEGUNDO TEMPO
O encontro apenas variou no segundo tempo. Tres minutos despois de que Poio e Burela retomasen o partido, Peque rentabilizou outra perda das visitantes para liquidar o duelo.
Por se houbese dúbida, á media hora de xogo Jozi acabou coa resistencia das pontevedresas ao facerlles pagar caro un erro no xogo de cinco co 4-0. Lara coroou a goleada do conxunto laranxa antes de que Ale de Paz marcase o tanto da honra para o Poio.
ÁNIMOS PARA CRIS
As xogadoras e corpo técnico do Burela FSF mandaron ánimos a Cris, lesionada de gravidade no xeonllo, cunha pancarta antes do inicio do encontro.
VINDEIRA XORNADA
O Burela FSF visitará ao Majadahonda na vixésimo quinta xornada, mentres que o Futsi recibirá ao campión, o Jimbée Roldán.