O pavillón de Marzán de Foz acollerá unha velada de kickboxing o sábado 20 de abril a partir das 20.30 horas.
O polideportivo Torques será así sede da Liga Galega da especialidade, con tres títulos en xogo, os das modalidades de Lowkick, K1 e Full Contact.
Celebraranse oito combates, coa presenza de dous loitadores focegos, Pablo Rey e Aaron Cortés, ademais de Iago Ríos e Beni Córdoba, tamén pertencentes ao club Foz Contact Ari.
Ademais, a campioa galega de Lowckick, a focega Vanessa Ares, protagonizará un combate internacional contra Ceu Maceda.
Este evento foi presentado cun acto no que participou o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira.
ENTRADAS
As entradas para a velada estarán á venta desde o martes 2 de abril na cafetería Húcar, de Barreiros, e na Casa da Xuventude de Foz. Os prezos serán de doce euros na grada e catorce en cadeira, aínda que de 16.30 horas a 19.30 horas o pavillón terá portas abertas para ver combates.
A ENTIDADE LOCAL XUNTA 20 DEPORTISTAS
Na pasada Semana Santa fíxose a primeira toma de contacto con este deporte en Foz. Despois do éxito da primeira velada, Vanessa Ares, impulsora da mesma, creou o club Foz Contact Ari, do que tamén é adestradora, para que todas aquelas persoas que lles gustara o boxeo ou o kickboxing puidesen aprender e practicalo.
En menos de oito meses, o club conta cunha vintena de atletas, desde os oito ata os 53 anos. O primeiro club de kickboxing presidido por unha muller conta con xente de Foz, Mondoñedo, Burela, Ribadeo e Vegadeo.