Unhas 350 rapazas de 29 equipos participan no torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, que se disputará no pavillón municipal do 18 ao 20 de abril.
O evento bianual, que chega á decimo cuarta edición, volve convocar clubs de España –Asturias, Euskadi, La Rioja, Cataluña, Comunidade Valenciana e Canarias, ademais de Galicia– e tamén de Portugal.
Trátase de conxuntos das categorías infantil, cadete, júnior e sénior que convivirán e pernoctarán na vila durante tres xornadas. As xogadoras aloxaranse no colexio e na casa da xuventude, onde serán recibidas cunha noite lúdica.
COMPETICIÓN
Os xoves e venres disputaranse a fase de grupos e o sábado xogaranse as eliminatorias, semifinais e finais, nas que se decidirán as campioas. Os resultados dos encontros poderán coñecerse nada máis rematen a través dunha web creada para o seguimento do torneo.
O club local Terras da Mariña será o anfitrión da competición, organizado polo concello a través das Escolas Deportivas Lourenzá coa axuda da Deputación de Lugo. O Ensino será o outro representante do baloncesto provincial na cita.
Nos intervalos entre os encontros, haberá exhibicións de deportistas doutras seccións da escolas como a de patinaxe artística. Ademais, organizarase un torneo de triplos.
2.000 PERSOAS EN LOURENZÁ
O Concello de Lourenzá agarda que o evento traia á localidade unhas 2.000 persoas durante as tres xornadas de competición.
Na presentación da cita, este mércores, a alcaldesa, Rocío López, agradeceu “a implicación de toda a vila” para sacar adiante o evento, e subliñou a relevancia que ten tamén para a comarca. As participantes poderán desfrutar de excursións e visitas guiadas pola bisbarra nos horarios nos que non compitan.
O DOBRE DE EQUIPOS QUE NO 2008
No acto tamén participou o deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que subliñou o papel do deporte feminino “como mecanismo de empoderamento para as rapazas”.
Nos últimos anos, o torneo foi ampliando a súa capacidade de convocatoria, ata dobrar, nesta edición, o número de equipos que reuniu en 2008.