Unhas 350 xogadoras de España e Portugal participarán no torneo de baloncesto de Lourenzá

O Concello agarda que a proba reúna na localidade unhas 2.000 persoas do 18 ao 20 de abril

Presentación do evento na Praza do Conde Santo. AXM

Unhas 350 rapazas de 29 equipos participan no torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, que se disputará no pavillón municipal do 18 ao 20 de abril.

O evento bianual, que chega á decimo cuarta edición, volve convocar clubs de EspañaAsturias, Euskadi, La Rioja, Cataluña, Comunidade Valenciana e Canarias, ademais de Galicia– e tamén de Portugal.

Trátase de conxuntos das categorías infantil, cadete, júnior e sénior que convivirán e pernoctarán na vila durante tres xornadas. As xogadoras aloxaranse no colexio e na casa da xuventude, onde serán recibidas cunha noite lúdica.

COMPETICIÓN

Os xoves e venres disputaranse a fase de grupos e o sábado xogaranse as eliminatorias, semifinais e finais, nas que se decidirán as campioas. Os resultados dos encontros poderán coñecerse nada máis rematen a través dunha web creada para o seguimento do torneo.

O club local Terras da Mariña será o anfitrión da competición, organizado polo concello a través das Escolas Deportivas Lourenzá coa axuda da Deputación de Lugo. O Ensino será o outro representante do baloncesto provincial na cita.

Cartel do evento. AXM

Nos intervalos entre os encontros, haberá exhibicións de deportistas doutras seccións da escolas como a de patinaxe artística. Ademais, organizarase un torneo de triplos.

2.000 PERSOAS EN LOURENZÁ

O Concello de Lourenzá agarda que o evento traia á localidade unhas 2.000 persoas durante as tres xornadas de competición.

Na presentación da cita, este mércores, a alcaldesa, Rocío López, agradeceu “a implicación de toda a vila” para sacar adiante o evento, e subliñou a relevancia que ten tamén para a comarca. As participantes poderán desfrutar de excursións e visitas guiadas pola bisbarra nos horarios nos que non compitan.

O DOBRE DE EQUIPOS QUE NO 2008

No acto tamén participou o deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que subliñou o papel do deporte feminino “como mecanismo de empoderamento para as rapazas”.

Nos últimos anos, o torneo foi ampliando a súa capacidade de convocatoria, ata dobrar, nesta edición, o número de equipos que reuniu en 2008.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here