O Pescados Rubén Burela FSF recuperou o título da Copa Galicia feminina despois de derrotar na final do torneo ao Ourense Envialia (0-3).
É o quinto galardón para o cadro laranxa, que obtivo o trofeo nas edicións de 2009, 2010, 2014 e 2015. Bea Mateos, lucindo o 5 da recentemente operada Cris, recibiu o trofeo de mans do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e de Roberto García, xefe de Deportes da Xunta de Galicia na Coruña.
Peque adiantou as mariñás no minuto 9. O disparo da 7 do cadro burelao desde saque de banda tocou en Chiqui e desorientou a María de Val. A internacional española aumentou a renda pasado o cuarto de hora.
O Ourense Envialia tentou limar diferenzas co xogo de cinco no final da primeira metade e no inicio da segunda parte. O Burela FSF tivo ocasións para liquidar antes o encontro, pero non o conseguiu ata o minuto 38, cun tanto de Luci.