O Pescados Rubén FSF levou o derbi galego fronte ao Ourense Envialia (2-0) e clasificouse para as semifinais da Copa de España, que se disputa esta fin de semana en Cádiz.
A primeira metade estivo marcada polo respecto entre dous equipos coñecidos, que xa se enfrontaran tres veces -dúas en Liga e unha na Copa Galicia– na presente tempada. As defensas impuxéronse aos ataques e houbo poucas ocasións de gol.
cilene abriu o marcador de falta e sara sentenciou nun gran contraataque
Á volta dos vestiarios, Cilene desequilibrou a balanza cun excepcional lanzamento de falta no minuto 33. O 1-0 abriu o encontro. Dany tivo unha boa oportunidade tras desfacerse da gardameta do Ourense, Bea Seijas, pero quedou con pouco ángulo para o remate e disparou fóra. Jozi estivo segura para despexar un mísil da internacional española Luci.
O Ourense Enviala buscou o empate coa porteira-xogadora, pero Sara Correira sentenciou o encontro a dous minutos do desenlace ao culminar un preciso contraataque das burelesas, nuns poucos toques, que iniciou Cilene e continuou Dany.
FUTSI E ALICANTE, CLASIFICADOS
O Atlético Navalcarnero, que superou ao Poio Pescamar (5-1), e o Universidad de Alicante, que derrotou ao Alcorcón (5-3), xogarán a primeira semifinal mañá, desde as 10.00 horas. Ás 12.00 será a quenda das burelesas, que se medirán ao Jimbée Roldán, o campión de Liga, que eliminou ao cadro anfitrión (2-0).