Preto de 900 rapaces de 30 clubs e 70 equipos participarán na oitava edición do campionato de fútbol sala base Memorial Heroes do Orzán, que se celebrará na Mariña Lucense do 26 ao 30 de xuño.
Foz, Burela, San Cibrao, Xove e Viveiro acollerán a deportistas das catro provincias galegas e tamén doutros equipos procedentes de Asturias, Madrid, Castela León e Castela a Mancha, nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
O responsable da área de deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, presentou o torneo co presidente da Fundación Indecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña), Marcelino Luna, e familiares do burelao Rodrigo Maseda Lozano, un dos tres policías aos que rende homenaxe este torneo, así como con representantes dos concellos nos que se celebrará o Memorial.
Maseda, xunto a José Antonio Villamor (Friol) e Javier López López (A Coruña) faleceron en acto de servizo en 2012 nas augas do Orzán mentres tentaban rescatar un rapaz checo que tamén morreu no suceso.
TRIPLO PROPÓSITO
Rivera Capón remarcou “o triplo propósito deste torneo, pois ao tempo que lembramos aos tres policías falecidos, impulsamos o deporte base na comarca da Mariña Lucense, un motor de integración e avance social. En terceiro lugar, dinamizamos a nivel turístico a comarca, pois miles de persoas achegaranse ata a nosa costa durante catro días activando a súa economía”, subliñou.