O Pescados Rubén Burela FSF non se rende e segue a meter presión ao Atlético Futsi Navalcarnero na loita polo título da Liga Foro 16 Feminismo. O equipo laranxa derrotou (2-0) ao Ourense Envialia no derbi galego e espera que outro conxunto da comunidade, o Poio Pescamar, poda botarlle unha man e rabuñar puntos no seu enfrontamento contra as madrileñas.
Nun calco da final da pasada Copa Galicia, con vitoria para as da Mariña Lucense, o cadro local afianzou a vitoria en dous minutos, o 9 e o 10, con goles de Dany e de Cami. O marcador non variaría malia a intensidade do encontro; o Burela FSF cargouse de faltas nas dúas partes e tivo que optar pola porteira-xogadora para afastar ao Ourense Envialia da súa portería, pero non pasou grandes atrancos para manter o botín dos tres puntos.
O UCAM, SEGUINTE RIVAL
O cadro que adestran Julio Delgado e máis Lucas suma así 75 puntos e obriga a gañar ao Futsi para seguir con vantaxe de cara ás tres últimas xornadas. O Atlético xogará este domingo en Pontevedra a partir das 12.30 horas. Atento ao que faga estará o Burela FSF, que na vindeira rolda da competición visitará a pista de UCAM El Pozo Murcia.
COPA GALICIA
O Pescados Rubén Burela FSF ofreceu á afección -cunha entrada de 500 espectadores en Vista Alegre– o título de Copa Galicia. As xogadoras do Ourense Envialia, subcampioas do trofeo, fixeron o paseíño ao campión galego.