O Pazo de San Marcos acolleu a presentación da sétima edición da Mariña Lucense do Memorial Heroes do Orzán, que impulsa a Fundación Imdecum e que congregará na bisbarra a 4.000 persoas desde o 27 de xuño ao 1 de xullo.
A competición, que comezará o 14 de xuño na sede da Coruña, cun total de 30 equipos -desde prebenxamíns ata alevín, con infantil feminino e Special Olympics-, xuntará na comarca a preto de 70 conxuntos -en todas as categorías masculinas de base- coa presenza de aspirantes de Galicia, Asturias, Madrid e Castela e León. Catro municipios exercerán como sedes da competición: Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro.
PARTICIPARÁN 70 EQUIPOS E foz, burela, cervo, xove e viveiro serán as sedes do campionato
O evento cumpre varios obxectivos. Por un lado, fomentar o deporte base. O memorial converteuse nunha referencia dos torneos de fútbol sala de canteira a nivel galego e estatal.
MEDIO MILLÓN DE RETORNO
Por outra banda, Heroes do Orzán contribúe a dinamizar a economía da provincia, posto que o torneo xuntará na Mariña Lucense a máis de 4.000 persoas entre participantes, familiares e espectadores. A pasada edición do memorial reuniu na comarca a 700 deportistas coas súas familias, dos cales 500 precisaron de aloxamento na bisbarra. Segundo a organización, o retorno económico foi de 500.000 euros, o que supón un incremento do 45,3% con respecto a 2016.
Na presentación, Pablo Rivera Capón destacou a “aposta decidida” da Deputación Provincial de Lugo, principal patrocinador da cita, por un evento “moi importante para A Mariña a nivel deportivo e económico. Agardamos que nesta edición as cifras sigan en aumento”, asegurou o deputado de deportes.
HOMENAXE
O memorial supón tamén unha homenaxe aos tres policías falecidos na praia do Orzán en acto de servizo. En 2012, José Antonio Villamor Vázquez, Rodrigo Maseda Lozano e Javier López López perderon a vida ao tentar rescatar a un rapaz checo, Tomas Velicky, que tamén morreu no suceso. “Agradecemos moito esta iniciativa tan bonita, que fomenta valores como o deporte e o traballo”, afirmou Isabel Lozano, nai de Rodrigo. As familias dos homenaxeados recibiron un retrato dos mozos feito polo ilustrador Juan Carlos Martínez, ‘Charly’.
O TROFEO HONRA AOS TRES POLICÍAS FALECIDOS NO 2012 NA PRAIA CORUÑESA, EN ACTO DE SERVIZO
Pola súa banda, o presidente da fundación organizadora, Marcelino Luna, agradeceu o “apoio incondicional” das entidades colaboradoras e tamén das familias. Asistiron á presentación do evento o alcalde de Burela, Alfredo Llano, os edís de deportes de Burela, Viveiro e Cervo, o comisario provincial da Policía Nacional en Lugo e o inspector xefe da comisaría de Viveiro, ademais de representantes de Coca-Cola, entidade colaboradora.