O Pescados Rubén Burela FS vén de formalizar un acordo co peche catalán Sergi Orgillés Saiz, coñecido deportivamente como Pope, para que continúe na entidade laranxa a vindeira tempada, despois de dous cursos cedido no equipo mariñao polo Palma Futsal.
O presidente do club burelao, Manuel Blanco, destacou o “crecemento” do xogador, de 23 anos, e a súa “gran contribución” no regreso a Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS). O dirixente do Pescados Rubén Burela agradeceu “as facilidades amosadas polo Palma Futsal para a contratación do xogador, xa como cento por cento burelista”.
“Estou moi contento e orgulloso de que confíen en min outro ano máis. Teño moitas ganas de empezar; esta é a miña casa. Preséntasenos unha nova etapa moi bonita por diante, aínda que tamén difícil”, explicou Pope.
“Ademais da confianza que me ofrecen o club e a directiva, tamén confío e creo moito no xeito que ten Juanma Marrube de ver e entender o fútbol sala”, indicou.
UN PUNTAL PARA JUANMA
“Aínda que xoguei algún partido en Primeira, será a miña estrea de verdade na categoría, con participación e peso. Espero que as lesións me respecten e ter minutos para seguir medrando”, concluíu Pope, un xogador chave para o adestrador alfocego.
O peche catalán disputou 29 partidos dos 30 da Liga regular na pasada campaña, 22 deles coma titular. Malia que o seu poderío físico e disciplina táctica fan que destaque máis en tarefas defensivas, Pope anotou nove goles para o Burela FS.
OITO XOGADORES CON CONTRATO
O Pescados Rubén asegurouse a continuidade de boa parte da columna vertebral do equipo, pois ademais de Pope, Matamoros, Lucho e os canteiráns Iago Míguez, Renato e Pitero teñen contrato en vigor.
Polo de agora, a entidade laranxa oficializou as incorporacións dos ás Álex Diz, procedente de Osasuna Magna, e de Everton, que chega do Santiago Futsal.