Viveiro acollerá este sábado a terceira proba puntuable da Copa de España de Ciclismo Adaptado. Por primeira vez, os arredor de 30 participantes, habituados a competir en circuítos urbáns pechados, farán un percorrido en liña, que constará de 30 quilómetros.
A Copa de España de Ciclismo Adaptado está dividida segundo o nivel de diversidade funcional. Os participantes nas categorías C1, C2, C3, C4 e C5, que compiten en bicicletas convencionais adaptadas, e os corredores de H4 e H5, que o fan en triciclos manuais dispostos para que os deportistas sen mobilidade nas pernas vaian en posición horizontal, percorrerán 30 quilómetros, con preto de 400 metros de desnivel, que, en determinadas zonas, se achega ao 15%.
Segundo expuxo César Lage, do Club Ciclista Viveiro, o percorrido partirá do porto de Celeiro camiño de Ourol, onde esperan as rampas máis pronunciadas. Daquela, os ciclistas volverán cara o peirao celeirense por Viveiro.
Pola súa banda, os ciclistas que compiten en H1, H2 tamén en triciclos manuais e T1 e T2 triciclos pensados para a deportistas con lesións neurolóxicas que afectan ao sentido do equilibrio, competirán durante unha hora nun circuíto de 2,5 quilómetros.
MÁIS DESFRUTE E MENOS ACCIDENTES
Á principal novidade da competición referiuse a baionesa Mila López Vernet, referente do ciclismo adaptado en España.
“O bonito desta carreira é que se vai celebrar en estrada. Estamos acostumados a competir en circuítos semiurbáns ou urbáns dando voltas. Para nós é algo inusual, desfrútase moito máis da carrera, mostrará quenes son os máis fortes e haberá menos problemas, posto que dado que hai diferentes discapacidades, o risco dos accidentes vén á hora de adiantar ou dobrar corredores”.
O GRAN PREMIO SAN ROQUE CUMPRE 36 ANOS
Durante a tarde, preto de 220 rapaces e rapazas das categorías cadete, principiante, infantil e alevín participarán na trixésimo sexta edición do Gran Premio de San Roque.
En concreto, a categoría cadete, que constitúe a proba galega do Trofeo Asturcantabrogalego, reunirá a máis de 100 rapaces, que percorrerán 49 quilómetros polo concello mariñao, rematando no Alto de San Roque, de categoría especial.
A proba tamén inclúe o único campionato Infantil en Ruta de Galicia, no que os ciclistas competirán durante 16 quilómetros, nun itinerario circular con saída e meta en Celeiro.
“EXEMPLOS DE SUPERACIÓN”
O responsable de turismo en funcións da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, e a alcaldesa de Viveiro en funcións, María Loureiro, acompañaron a López Benet e Lage na presentación das probas.
Loureiro sinalou que para o concello “é unha honra” colaborar con iniciativas que “representan os valores asociados á práctica deportiva, como a constancia, a amizade e a constancia”.
Vidal Baamonde destacou “a importancia que ten o deporte inclusivo para a mellora da calidade de vida das persoas con capacidades diferentes. Ademais, ao xuntalo nunha mesma data, cunha proba tan importante para o ciclismo de base como é o o Gran Premio de San Roque, ofrecémoslles aos máis novos referentes no deporte adaptado que poden servirlles como exemplos de superación persoal e na loita pola integración real”.