O Pescados Rubén Burela FS confirmou a baixa do canteirán Hélder Gonçalvaes Semedo, que non continuará no club. O peche caboverdián, de 22 anos, xogará no Parrulo Ferrol FS na vindeira campaña.
O ex futbolista da entidade laranxa, que medrou na estrutura do club burelao desde a base, finalizará o seu contrato o 30 de xuño. Estreouse en Primeira División en idade xuvenil e defendeu a camisola mariñá as catro últimas tempadas, xa como xogador sénior.
IMPORTANTE NA ROTACIÓN
Nos últimos dous cursos, aumentou a participación de Hélder, que foi un xogador de peso na rotación de Juanma Marrube. Na pasada campaña xogou 29 dos 30 partidos da Liga regular, 22 deles como titular. Anotou sete goles.
Hélder, con capacidade para desenvolverse en varias posicións, especialmente a de peche pero tamén a de pivote, destaca pola súa fortaleza defensiva, especialmente nas situacións de inferioridade numérica.
CLUB E FUTBOLISTA COINCIDIRÁN EN PRIMEIRA
A fichaxe de Hélder polo cadro ferrolán fará que o xogador formado na canteira laranxa coincida na máxima categoría da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) co seu club de procedencia.
COPA DA RAÍÑA
Desde esta tarde estará dispoñible a venda anticipada para a Copa de Súa Maxestade A Raíña, que reunirá en Vista Alegre os oito mellores equipos da Primeira División Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Os afeccionados interesados poderán adquirir o seu abono ou entrada na sede do club laranxa (Arcadio Pardiñas, 97) ata o xoves ás 19.00 horas. O horario de oficina é de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
O abono para a competición, do 14 ao 17 de xuño, custa 20 euros por adulto, e 10 para menores de 17 anos.
Os billetes para un só día custan dez e cinco euros. Os nenos de ata tres anos terán entrada gratuíta con retirada de entrada. O Pescados Rubén Burela FSF comezará o seu percorrido na competición o venres, ás 20.30 horas, no partido de cuartos de final que o enfrontará ao Universidad de Alicante. Podes consultar neste enlace os horarios de todos os encontros.