A SD Burela proclamouse campión de Copa Deputación Memorial Jorge Tato de Segunda e Terceira Autonómicas despois de derrotar na final do trofeo, disputada no Anxo Carro de Lugo, ao CD Brollón, por un resultado de 3-1.
Os bureleses adiantáronse no minuto 32 logo dunha falta sacada por Ánxel que rematou Ramos, pero non poideron conservar a súa vantaxe ao descanso, pois no treito final do primeiro capítulo o cadro brollonés equilibrou o marcador grazas a Adrián.
Á volta dos vestiarios, Ramos aproveitou de novo unha xogada a balón parado para adiantar ao cadro verde, á hora de partido. O cadro mariñao soubo defenderse das acometidas do Brollón e liquidou o encontro a un minuto do desenlace por medio de Jairo.
ASCENSO DE CATEGORÍA
O título da Copa Deputación é o broche de ouro a unha tempada na que a SD Burela acadou o título de Liga de Segunda Autonómica e conseguiu dese xeito o ascenso de categoría.
ENTREGA DE PREMIOS
O deputado de deportes, Pablo Rivera Capón, o alcalde de Burela, Alfredo Llano García, o tenente de alcalde burelés, Ramiro Fernández, e mailo rexedor da Pobra do Brollón, José Luis Maceda Vilariño, entregaron os premios dun encontro desputado cun gran ambiente e uns 400 espectadores nas gradas do estadio lucense.