O Pescados Rubén Burela FSF impuxo a súa maior calidade ante un combativo Ourense Envialia (5-2) para alcanzar a final da Copa da Raíña que se disputa en Vista Alegre, na que se medirá co Futsi Atlético Navalcarnero no enésimo episodio (domingo, 17.00 horas) do clásico desta década do fútbol sala feminino español.
Tan só 62 segundos despois do inicio, Dany recibiu de costas á portería ourensá e, nun movemento clásico de pivote, xirou con velocidade para superar á veterana gardameta internacional Vane cun forte disparo coa perna dereita.
No minuto 6, o Ourense Envialia tivo a súa primeira oportunidade clara cun remate da ex xogadora do Pescados Rubén Judith, que repeleu Ana Romero a córner. O cadro de Gonzalo Iglesias animouse trala ocasión e tivo outras dúas opcións francas. A primeira, cun remate de Sara Moreno que rexeitou de novo a gardameta murciana do Burela FSF. Pouco despois, Marta topouse outra vez cos reflexos da porteira local.
O XOGO DE CINCO, DECISIVO
O dominio do Ourense era tal que Julio Delgado optou polo xogo de cinco e situou a Bea Mateos como porteira-xogadora. A aposta foi gañadora. No minuto 9, unha excelente xogada individual habilitou a Peque para marcar o seu cuarto gol na Copa da Raíña.
O 2-0 baixou o ritmo do encontro. O tanto pesoulle ao equipo da cidade das Burgas e o Burela FSF gañou en tranquilidade, pero sen acadar achegamentos claros á portería rival. Non os houbo en ningunha das áreas ata que, pasado o cuarto de hora, o Ourense Envialia xerou de novo perigo cun envío de Marta que Vera non foi quen de rematar case sobre a liña de gol, con Romero superada.
A 57 segundos do final da primeira metade, logo doutra boa intervención de Romero tras remate de Marta, Peque atopou un oco na defensa visitante para lanzar polo costado dereito do ataque burelao a Luci, que solventou a saída de Vane para darlle ao seu equipo unha cómoda vantaxe. Antes do descanso, Sara Moreno tivo unha última opción para meter ao Ourense no encontro cun disparo que se foi ao longueiro.
SEGUNDO TEMPO
A visitante Laura Doce tivo a primeira aproximación do cadro ourensán tralo descanso, pero faltoulle mordacidade ante Romero. Foi o primeiro aviso das visitantes; antes de cumprirse o minuto 23, Sara Moreno recurtou distancias no marcador.
Despois duns intres de acoso do Ourense Envialia, aínda que sen ocasións claras, o Burela optou de novo pola porteira-xogadora e axiña gozou doutra oportunidade nas botas de Dany, que se encontrou con Vane.
O risco que asumiu o corpo técnico do cadro laranxa quedou patente nun erro no último pase de Cami que estivo a piques de aproveitar Judith. A futbolista coruñesa disparou en boa posición desde o seu campo pero Bea Mateos foi quen de interceptar o disparo cando a afección visitante xa cantaba o 3-2. Chiki avisou de novo cun remate que, de volta á pista, Ana Romero despexou co pé esquerdo.
No seu último partido tras unha extraordinaria carreira de 28 tempadas, a capitá do cadro ourensán Bea Seijas, de 45 anos, cometeu un erro ao querer combinar con Vane que deixou soa a Dany para acadar o 4-1. Foi o único lunar da actuación de Seijas, que na súa despedida deu unha lección de criterio e foi das mellores xogadoras do conxunto visitante.
DANY DÁ O SUSTO
Con seis minutos para o final, o cadro anfitrión recibiu malas novas. Dany, autora de dous tantos, recibiu un golpe no nocello e tivo que saír da pista axudada polas súas compañeiras.
A lesión, que semellaba suficiente para poñer en dúbida a participación dunha das súas referentes, despistou ao Burela FSF e Sara Moreno limou as distancias no electrónico apenas segundos despois.
Co 4-2, Dany entrou de novo á pista e pareceu dar folgos ás súas compañeiras. Pouco despois do ingreso á cancha da pivote brasileira, con xogo de cinco do Ourense, Peque roubou un balón a Sara Moreno e anotou un gol máis, o quinto, da súa conta no torneo.
OVACIÓN A BEA SEIJAS
Aí morreron as opcións dun orgulloso Ourense, que non puido cun Pescados Rubén Burela FSF que se retará co Futsi na final diante dos seus afeccionados. O duelo rematou cun emotivo momento: a ovación de 1.100 espectadores, durante varios minutos, a Seijas como recoñecemento á súa carreira e ao seu papel no desenvolvemento do fútbol sala feminino español.
O ATLÉTICO, MOI SUPERIOR
Na primeira semifinal, o Atlético superou con claridade ao Alcorcón (8-4) no derbi madrileño. Ao igual que o Burela FSF, o vixente campión da Liga Foro 16 Feminismo xa acumulaba ao descanso unha renda practicamente definitiva (4-0).