Adrián Ben quedou fóra por nove centésimas da final dos 1.500 metros lisos do Europeo que se desputa estes días en Gavle, Suecia.
Na súa semifinal, o corredor natural de Viveiro remontou nos últimos 500 metros para colocarse na segunda praza na recta final, pero quedou sen fuelle no treito definitivo da proba, caendo finalmente á quinta praza, cun tempo de tres minutos, 47 segundos e 78 centésimas. O gañador da serie foi o serbio Elzan Bibic, con 3:47.61.
O atleta viveirense non se puido así clasificar directamente para a final -clasificábanse os catro primeiros de cada quenda– e debeu esperar á segunda semifinal para certificar o seu pase por tempos, dado que había outras catro prazas dispoñibles en función das mellores marcas.
Finalmente, non puido ser. A segunda serie foi máis rápida e o oitavo clasificado, o polaco Patryk Kozlowski, obtivo a última praza para a carreira decisiva parando o cronómetro en 3:47.69.
VIXENTE CAMPIÓN DE ESPAÑA
Quedarse fóra supón un paso atrás para o corredor mariñao nun verán que comezou da mellor maneira, cun ouro no campionato de España sub-23 da especialidade, precisamente por diante doutros compañeiros do combinado estatal, Ignacio Fontes e Enrique Herreros, que si obtiveron un sitio na final.