A á-peche Jenny Lores presentouse oficialmente como nova xogadora do Pescados Rubén Burela FSF. A pontevedresa, de Monte Porreiro, é a segunda novidade no proxecto do equipo laranxa despois da incorporación da tamén galega Ale de Paz, tamén procedente do Poio Pescamar.
A nova futbolista do equipo burelao estivo arroupada na posta de longo de laranxa polo presidente, Manuel Blanco, e o directivo Rubén Blanco.
Aos seus 28 anos e formada no Marcón FS, Lores expón que “custoume un pouco tomar a decisión porque levaba cinco tempadas no Poio e tíñalle moito agarimo á xente e ao equipo, pero apetecíanme novos retos e saír un pouco da miña zona de confort e non hai mellor club para iso que o Pescados Rubén, que é o máis profesional”.
“É a miña primeira experiencia fóra da casa, pode impoñer un pouco de respecto ao principio pero todo será cuestión de adaptarme. O Burela FSF é un equipo moi forte e creo que me adaptarei ben, con traballo, sacrificio e ganas”, explicou a á-peche.
DEZASEIS GOLES NO PASADO CURSO
“Veño para superarme e pelexar por conseguir títulos, pero sobre todo veño aprender moitísimo”, concluíu Jenny, que anotou 16 tantos na pasada campaña da Liga Foro 16 Feminismo.
A COLUMNA VERTEBRAL, ASEGURADA
O Burela FSF toma forma. Jenny Lores e Ale de Paz reforzan un bloque no que continúan Peque e Dany, que tiñan contrato en vigor, e no que xa formalizaron a renovación Ana Romero, Cilene, Bea Mateos, Luci, Jozi e Lara Balseiro.