O Pescados Rubén Burela FSF comezará a tempada 2019-2020 ao grande. Antes da Supercopa de España e do comezo da Liga Foro 16 Feminismo, o equipo laranxa competirá en Milán os días 31 de agosto e 1 de setembro pola segunda edición da Four Nations Women’s Cup Winner’s Cup.
O trofeo reunirá ás campioas de Copa de Italia (Kick Off C5 Femminille, o equipo anfitrión), Rusia (Lagoa Uor) e Ucrania (Budstar, segundo clasificado do torneo copeiro).
O CALENDARIO DE LIGA, SORTEADO
Este luns tamén trascendeu o calendario da vindeira Liga na Primeira División. O equipo laranxa debutará na competición en Vista Alegre, o 14 de setembro, nun apaixonante derbi galego ante o Poio Pescamar, equipo da que xustamente proceden as dúas incorporacións do Pescados Rubén Burela, Jenny Lores e Ale de Paz.
O cadro burelao rematará a Liga tamén diante da súa afección. O 2 de maio recibirá ao Bilbo, que regresa á máxima categoría do fútbol sala español.
Os agardados encontros entre o defensor do título de Liga, o Atlético Futsi Navalcarnero, e o vixente campión de Copa, o Pescados Rubén Burela, serán nas xornadas 12 e 27.
O 30 de novembro, o Futsi visitará ao cadro mariñao, que se desprazará a La Estación o 4 de abril. Podes consultar o calendario completo neste enlace.
RENOVACIÓN DE CRIS
O equipo burelao confirmou tamén a renovación da pivote Cristina Pérez, que no pasado curso -na tempada do seu debut en Vista Alegre- foi unha xogadora importante na rotación de Julio Delgado e máis Lucas ata que unha grave lesión a apartou das pistas.
Nos pasados días, o club anunciou a continuidade da á lusa Jenny Santos. Estas dúas futbolistas únense a Dany e Peque, con contrato en vigor, e a Ana Romero, Cilene, Bea Mateos, Luci, Jozi e Lara Balseiro, que xa formalizaran a súa renovación. Con Lores e de Paz, o cadro laranxa xa ten doce integrantes.