InicioDeportesPrimeiro punto de sabor amargo para o Burela FS, que encaixou o...

Primeiro punto de sabor amargo para o Burela FS, que encaixou o 1-1 de penalti no minuto 38

O cadro mariñao adiantouse por medio de Matamoros pero non puido conservar a vantaxe nos últimos compases do encontro, cando o Levante optou polo xogo de cinco

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS acadou o primeiro punto da tempada no seu regreso á Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) tras empatar co Levante (1-0) en Vista Alegre, nun partido que deixou un sabor amargo para os locais, que mandaron no marcador do minuto 16 ao 38 e encaixaron o tanto da igualada cando a vitoria parecía máis preto.

Despois de dúas xornadas nas que tivo mellores sensacións que resultados e nas que pagou carros os seus erros fronte a Santa Coloma e Osasuna Magna, o conxunto laranxa estreou a súa conta de puntos nun partido serio.

Éverton e Luisma tiveron as primeiras ocasións para o Burela, pouco despois dunha boa oportunidade dos visitantes nas botas de Cecilio, que topou con Edu. Tralo primeiro susto, o conxunto local asentouse no encontro e gozou de varias oportunidades. Joselito, por dúas veces, e Matamoros remataron desviado nos mellores minutos do conxunto laranxa.

O Pescados Rubén tivo premio á súa insistencia pasado o cuarto de hora, cun tanto de Matamoros, que atopou o oco entre as pernas de Raúl Jiménez.

IAGO MÍGUEZ FOISE LESIONADO

O cadro que adestra Juanma Marrube acumulou cinco faltas no minuto 12 e pouco antes do descanso, no minuto 19, o Levante desaproveitou un un dobre penalti que Gallo lanzou alto. De aí ao intermedio, aínda houbo tempo de que os porteiros de ambos equipos mostraran a súa categoría. Así rematou unha primeira metade na que Iago Míguez tivo que retirarse lesionado.

No segundo tempo, o cadro levantino apertou para acadar o empate, e Edu mantivo a vantaxe dos locais en ocasións de Rubi Lemos e dun insistente Pedro Toro, que manobrando como pivote causou perigo.

RENATO, AO POSTE NA ÚLTIMA OCASIÓN DO ENCONTRO

A tres minutos para o final, o Levante tentouno con xogo de cinco e Lucho tivo unha ocasión clara, a porta baleira, para sentenciar o encontro, pero non estivo atinado. Foi o preludio do penalti, no minuto 38, que transformou Pedro Toro para darlle un punto ao Levante.

Nos últimos dous minutos, frenéticos, Renato disparou ao poste. Mentres, o Levante apostou polo xogo de cinco ata o final, con Pedro Toro como porteiro-xogador, sen obter máis botín ca o empate.

O INTER MOVISTAR, SEGUINTE RIVAL

O poderoso Inter Movistar de Ricardinho será o seguinte rival do Pescados Rubén Burela FS, que se desprazará o 5 de outubro ao pavillón Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...