InicioDeportesAdrián Ben, ás semifinais do Mundial de Doha: "pensei, se non paso,...

Adrián Ben, ás semifinais do Mundial de Doha: “pensei, se non paso, vanse acordar de onde está Viveiro”

O atleta viveirense alcanza a penúltima rolda dos 800 metros lisos sen esperar á repesca por tempos, tras quedar segundo na súa serie cun crono de 1:46.12

Publicada o

- Advertisement -

Un heroico Adrián Ben clasificouse para as semifinais dos 800 metros lisos do Campionato do Mundo de atletismo de Doha despois de quedar segundo na súa serie clasificatoria. O corredor viveirense fíxose notar no seu debut nun Mundial absoluto e acadou a clasificación para a penúltima rolda cunha estrea brillante.

Pasaban ás semifinais do Mundial os tres primeiros de cada serie canda os seis mellores tempos. O atleta mariñao colocouse primeiro no treito inicial da carreira, sabendo que precisaría dunha carreira rápida para ter opcións de meterse en semifinais, dado que contaba cunha das peores marcas de todos os participantes.

A SÚA SEGUNDA MELLOR MARCA NOS 800

Ben tirou do grupo durante boa parte da proba e, como un corredor veterano malia ter só 21 anos, mantívose forte e nas rúas centrais ata o final, no que só cedeu ante o keniano Ngeno Kipngetich (1:46.07). O atleta do FC Barcelona parou o cronómetro en 1:46.12, a súa segunda mellor marca nesta proba, despois de que acadase 1.45:78 na Cidade Condal no pasado mes de xullo.

En declaracións para Teledeporte, o corredor mariñao asegurou que saíu convencido da necesidade de “tirar, porque sabía que nun 800 se me pechaban tiña as de perder. Ao final saíu ben. Tiña a cabeza clara: se non paso, íanse acordar de onde queda Viveiro“, bromeou o atleta.

AS SEMIFINAIS, O DOMINGO

Por parte da expedición española, tamén se clasificou para a penúltima rolda -no seu caso vía repesca por tempos- o salmantino Álvaro de Arriba (1:45.67), campión de Europa en pista cuberta, mentres que Mariano García (1:49.08), que correu antes ca Ben, na primeira serie, quedou eliminado. As semifinais están previstas para o vindeiro domingo, a partir das 20.55 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...