O Concello de Viveiro instalará este martes unha pantalla xigante na Praza Maior para que a veciñanza que o desexe poida animar a Adrián Ben, que a partir das 21.10 horas competirá cos mellores do mundo dos 800 metros lisos na final do Mundial de atletismo de Doha.
Segundo informou o goberno local, a pantalla, que emitirá desde as 20.00 horas, será trasladada á sala multiusos do consistorio no caso de chuvia.
EMBAIXADOR DO MUNICIPIO
Desde o executivo municipal viveirense felicitan ao atleta viveirense, “que conseguiu pasar á final con só 21 anos“. Adrián Ben é, segundo o Concello, “un exemplo de traballo, esforzo e dedicación; un grande atleta de gran calidade humana; un deportista que non deixe de sorprendernos e que conseguiu que o nome de Viveiro se escoitase nos Mundiais de atletismo“.
DE TERESA E CACHO CONVÍDANO A “DESFRUTAR”
Tomás de Teresa, ata este luns o único atleta español que correu unha final de 800 en campionatos do mundo (oitavo en Tokio 91) e Fermín Cacho, campión olímpico de 1.500 en Barcelona 92, aconsellan “que goce” ao viveirense, que este martes será o segundo español finalista.
“Nuns campionatos por estas datas, está claro que importa máis o estado de forma que a marca. Tacticamente, Adrián correu moi ben, o cal é moi importante en 800, e agora o que ten que facer é gozar na final”, declarou a Efe De Teresa.
28 ANOS SEN UN FINALISTA MUNDIAL ESPAÑOL NOS 800
De Teresa lembra que en 1991 non se lle deu demasiada relevancia ao seu logro, ser o primeiro español finalista en 800, “pero o tempo -expón- demostrou o difícil que é iso, pasaron 28 anos ata que outro español puido conseguilo“.
“O que Adrián fixo en semifinais é unha boa táctica. Creo que vai ser unha carreira a ritmo de 1:44 e se chegas ben aí, no último 100 pódese recoller a moitos que vaian mal”, apuntou o cántabro.
MÍNIMA PARA OS XOGOS OLÍMPICOS
Cacho, fiel ao seu carácter competitivo e ambicioso, anima a Ben a “saír a gañar. Onte vino correr moi ben, con moita cabeza, e foi recollendo cadáveres. Agora ten que ser ambicioso. Xa ten praza olímpica e sabe que xa non vai quedar por baixo do oitavo nun Mundial, así que calquera resultado será bo para el. Eu que el, faría unha aposta gañadora. Non hai que ter medo a ninguén, expón.
Ben, que en semifinais bateu o récord de Galicia coa mellor marca obtida por un español en Mundiais (1:44.97), volverá ser, aínda así, o finalista con peor marca dos oito, como xa lle ocorreu na rolda precedente, pero en Doha demostrou un carácter sen límites aos seus 21 anos.
O atleta de Viveiro traballa no grupo de adestramento dirixido por Arturo Martín, ao que tamén pertence Fernando Carro, novo plusmarquista nacional de 3.000 metros obstáculos.
FRAZIER, FAVORITO
O estadounidense Donovan Frazier, en posesión dun poderoso esprint, é o favorito para Álvaro de Arriba, campión de Europa baixo teito, que foi eliminado en semifinais, aínda que a carreira promete estar moi igualada.