InicioDeportesAdrián Ben remata no sexto posto, con 21 anos, un inolvidable Mundial...

Adrián Ben remata no sexto posto, con 21 anos, un inolvidable Mundial de Doha

O corredor viveirense asinou a mellor actuación dun oitocentista español na historia dos campionatos do Mundo

Publicada o

- Advertisement -

O atleta de Viveiro Adrián Ben completou unha brillante estrea nun Mundial absoluto de atletismo, o de Doha, para concluír en sexto posto na final dos 800 metros lisos. O viveirense parou o cronómetro en 1:45.58.

Ben comezou a proba último posto ante a descomunal saída do portorriqueño Wesley Vázquez, que ao igual que en semifinais impuxo o seu ritmo desde o inicio pasou os primeiros 400 metros en 48 segundos e 96 centésimas.

Nos últimos 400 metros os favoritos deron un paso adiante e o principal candidato, o estadounidense Donovan Brazier, levou a medalla de ouro cun tempo de 1 minuto, 42 segundos e 34 centésimas, récord dos Mundiais. Amel Tuka (Bosnia), con 1.43.47 e Ferguson Rotich (Kenia), con 1:43.82, completaron o podio. Bryce Hoppel (EE UU), cunha marca de 1 minuto, 44 segundos e 25 centésimas, e Vázquez (1:44.48) foron cuarto e quinto, respectivamente.

O gran final de Ben permitiulle superar a Clayton Murphy (EE UU, 1:47.84), todo un bronce olímpico en Río 2016, e Marco Arop (Canadá, 1:45.78) e deulle un sexto posto que sabe a gloria.

Resultados da final. AXM

Trátase da mellor actuación dun oitocentista español da historia dos Mundiais, pois o único que chegara á final, Tomás de Teresa, fora oitavo en Tokio 91. Ademais, Doha serviulle a Adrián Ben para obter a mínima dos 800 de cara aos Xogos Olímpicos que se van celebrar no 2020 nesa mesma cidade xaponesa, o seu gran obxectivo.

ENTRE AS GRANDES REVELACIÓNS DO MUNDIAL

O corredor viveirense foi o único representante español entre os oito mellores do mundo, despois de acudir a Doha cunha das peores marcas de todos os participantes na especialidade. Con todo, o atleta do FC Barcelona, de só 21 anos, correu cunha madurez impropia da súa idade para coarse na final, afirmándose como unha das grandes revelacións do campionato do mundo disputado en Qatar, que será recordado pola calor abafante que padeceron os deportistas.

En espazo de tres días, Ben asinou as dúas mellores marcas no 800 da súa carreira. “Estaba canso e pasoume factura a fatiga muscular, pero lévome o segundo mellor tempo da miña vida nunha final moi rápida”, explicou en declaracións para Teledeporte.

“Hoxe facíame falta unha grúa para erguerme, pero non me rendín nunca. Pensei: non cheguei aquí para volver á casa cunha última praza”, expuxo.

O corredor viveirense deslumbrou de tal maneira que os xornalistas preguntáronlle se dedicará a súa carreira a esta proba ou se retomará os 1.500 metros listos, a súa especialidade favorita. “Arturo (Martín, o seu adestrador) dirá, teño fe cega nel”, zanxou.

“O QUE QUERO É SER ATLETA CON 26 ANOS”

Adrián mesmo apuntou á decepción que supuxo quedarse fóra da final do Europeo sub-23 de 1.500, no que aspiraba a medalla. “Ese golpe fíxome ben, porque serviume para reflexionar e darme conta de que a miña aspiración é ser un atleta maduro con 26 ou 27 anos“, concedeu, para agradecer o apoio da súa familia e do seu pobo, Viveiro, ao que dedicou a súa actuación (“isto vai por eles”). Os viveirenses seguiron a proba na Praza Maior, onde o Concello ubicou unha pantalla xigante.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...