Achégase o Illa Pancha Challenge 2020, que se celebrará do 1 de xaneiro ao 31 de marzo. Este martes, segundo avanzou a organización, celebrarase desde as 10.00 horas un adestramento coas condicións climatolóxicas axeitadas.
“Agardamos un swell vertical e sólido”, explicaron os promotores do evento, que precisaron que hai tres equipos confirmados para o ensaio. Un deles é o formado por Eric Rebière e Benjamín Sanchís, participantes no Mundial da World Surf League (WSL) en Nazaré.
Tamén participarán Leo Havion e Remi Arauzo, ademais de Francisco Pinhos e João Guedes.
A ONDA RIBADENSE LOCE NAS REDES SOCIAIS
O ‘Panchorro‘ e máis Ribadeo locen en varios vídeos pendurados ao longo dos últimos días nas redes sociais, como aperitivo do que vén, coma este de Rip it Up Tv.
Nestoutro vídeo, con imaxes de Franck Lapuyade e editado por Luis “Ben” Coelho, documéntase o primeiro test de Francisco Roque de Pinho e Lourenço Katzenstein en Ribadeo.