O Pescados Rubén Burela FSF empatou (2-2) co Alcorcón e cedeu os dous primeiros puntos da tempada. O cadro laranxa é líder da máxima categoría cun punto máis ca o Atlético Futsi Navalcarnero, que xoga mañá na pista do Roldán.
O equipo laranxa encaixou axiña o 0-1, no minuto 5, cando a pontevedresa Nerea Moldes adiantou ao Alcorcón no marcador. Malia estar pouco habituado a ir por detrás no marcador nun inicio de tempada impecable, o cadro burelao tardou pouco en recuperarse do golpe e pasado o primeiro cuarto do encontro igualou o envite por medio de Ale de Paz, logo dun contragolpe fiado pola talentosa Peque.
A propia de Paz estivo a piques de poñer en vantaxe ao conxunto mariñao, pero topouse cunha porteira de primeiro nivel como Estela. A gardameta, ex do Futsi, non puido protexer a súa portería pouco despois, cando Luci -que levaba apenas uns segundos na pista- aproveitou un reteixamento para marcar o 2-1. Cumpríase o primeiro cuarto de hora de encontro.
Luci, moi activa, disparou para o 3-1 pero topou cunha pletórica Estela. Cilene tivo a última oportunidade das locais antes do descanso.
Ao pouco de comezar a segunda metade, outra galega, Vane Sotelo, marcou o 2-2 e dispuxo un partido novo con 22 minutos por xogarse. Conscientes da importancia dos puntos, ambos equipos tiveron máis dificultades para crear perigo. O Burela FSF tentouno con xogo de cinco a tres minutos para o desenlace, pero sen sorte.
TODOS OS TANTOS, DE SINATURA GALEGA
Galicia é unha potencia do fútbol sala a nivel estatal, non hai dúbida. Catro futbolistas galegas, Ale de Paz, Luci, Nerea Moldes e Vane Sotelo, estas dúas últimas do Alcorcón, asinaron os tantos en Vista Aegre.
O PENYA ESPLUGUES, VINDEIRO RIVAL
O Penya Esplugues, a domicilio, será o vindeiro rival do equipo burelao antes de enfrontarse ao Atlético Futsi Navalcarnero en Vista Alegre, nun partido que pode ser decisivo para o título de Liga.