InicioDeportesO Pescados Rubén gaña a súa primeira Copa Galicia

O Pescados Rubén gaña a súa primeira Copa Galicia

O conxunto burelés bate ao Santiago (4-3) e proclámase campión galego de fútbol sala despois de alcanzar cinco finais sen éxito

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela proclamouse por primeira vez na súa historia campión da Copa Galicia masculina de fútbol sala despois de derrotar (4-3) na final do torneo, disputado en Ferrol, ao Santiago Futsal. O conxunto burelés chegara ao último chanzo do campionato ata en cinco ocasións, sen ser capaz de levar o título até hoxe.

O equipo que adestra Juanma Marrube completou un excelente torneo. Superou con claridade (7-0) a O Esteo FS nas semifinais e afrontou o duelo decisivo polo título contra un rival que neste curso competiu na Primeira División, aínda que non foi quen de evitar o descenso. O conxunto santiagués desfíxose pola súa parte do cadro (7-4) doutro opoñente da máxima categoría, O Parrulo, que exerceu de anfitrión.

o título impulsa un proxecto que aposta pola canteira

Na final, o equipo compostelán adiantouse axiña no marcador por medio de Armando, pero o conxunto mariñao mantivo a calma. Hélder e Renato, dúas das xoias da canteira burelesa, marcaron dous tantos cada un e levaron ao electrónico a superioridade dun Pescados Rubén Burela sólido atrás e letal ao contragolpe. No segundo tempo, o Santiago tentou remontar a desvantaxe coa utilización do porteiro-xogador. Estivo a piques de conseguilo, aínda que os discípulos de Juanma souberon aguantar a presión dos santiagueses.

O triunfo na Copa Galicia supón un impulso para a aposta do club, que traballou para rexuvenecer o grupo e sentar uns alicerces sólidos de futuro. Xogadores xóvenes criados na entidade, como Hélder ou Renato, teñen protagonismo nun Pescados Rubén Burela que se mostrou competitivo durante toda a tempada. O bloque tentará poñer o broche de ouro ao curso co regreso á Liga Nacional de Fútbol Sala.

PLAY OFF DE ASCENSO

O conxunto burelés medirase agora ao Real Betis sevillano na primeira eliminatoria das dúas que hai que solventar para promocionar á máxima categoría. O Pescados Rubén Burela terá o factor pista ao seu favor ao longo de todo o play off de ascenso; o encontro de aperturá será en Andalucía, e o segundo e mailo terceiro -de ser necesario- disputaranse no pavillón de Vista Alegre.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...