InicioDeportesExcesivo castigo para o Pescados Rubén Burela na pista do Parrulo

Excesivo castigo para o Pescados Rubén Burela na pista do Parrulo

O equipo que adestra Juanma Marrube cae (4-1) no derbi galego de Ferrol malia ofrecer unha boa imaxe e segue como pechacancelas da Primeira División

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS non puido puntuar en Ferrol e caeu ante O Parrulo (4-1) no derbi galego da Primeira División do fútbol sala español.

O cadro burelao mostrou unha boa imaxe no inicio, con ocasións para Vargas e Matamoros, con dobre remate ante Illi, e para Lucho, que estivo a piques de anotar o 0-1 tras unha falta sacada por Renato. Iago Rodríguez deu o primeiro aviso do conxunto local, pero topouse con Edu.

Pasado o cuarto de hora, Luisma tampouco puido aproveitar un pase de Lucho. A dous minutos para o descanso chegou o 1-0, anotado entre a estrela do conxunto ferrolán, o internacional Adri, e Joselito en propia porta.

O Burela FS encaixou o segundo revés nada máis volver dos vestiarios. No minuto 21, Saura colocou ao Parrulo cunha cómoda renda de dous tantos. Non se desanimou o cadro laranxa, que reduciu a diferenza no marcador por medio de Éverton, apenas uns segundos despois do 2-0.

O 2-1 deu ás aos de Juanma Marrube, que tiveron o empate nas botas de Álex Diz, en dúas ocasións, e de Luisma, que recibiu un envío do propio Diz, protagonista. Non tivo acerto na finalización o cadro burelao e pagouno.

No minuto 32, Saura anotou o 3-1 tras culminar unha acción que naceu en saque de banda, e o conxunto da Mariña Lucense cometeu ademais a súa quinta falta. O propio Saura disporía dun dobre penalti que detivo Edu.

O Pescados Rubén FS tentouno con porteiro-xogador pero non conseguiu achegarse no electrónico. Rumbo, xa cando o encontro agonizaba, ampliou a renda para o equipo ferrolán (4-1).

O JAÉN, VINDEIRO RIVAL

O cadro laranxa recibirá a vindeira fin de semana ao Jaén Paraíso Interior, que este sábado derrotou ao Córdoba (4-1).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...