O Pescados Rubén Burela FS volveu de baleiro (5-1) de Córdoba, da pista dun rival directo pola permanencia na Primeira División do fútbol sala español. O conxunto que adestra o alfocego Juanma Marrube segue en postos de descenso.
O cadro burelao enterrou practicamente as súas opcións de puntuar na primeira metade, pois chegou ao descanso cun 3-0 en contra. César Velasco abriu o marcador no minuto 6 e, segundos despois, Manu Leal transformou un penalti pitado por man de Luisma. O cadro burelao non tivo o seu mellor día e Edu mantivo aos seus no encontro con algunhas intervencións, aínda que non puido evitar o tanto de Zequi antes do descanso.
UN DOBRE PENALTI CON 3-1, O ÚLTIMO TREN
No segundo acto, Luisma deu esperanzas aos da Mariña Lucense ao anotar o 3-1 nada máis volver os xogadores dos vestiarios. O Burela FS tivo a súa última gran opción de reengancharse ao encontro no minuto 34, cun dobre penalti de Matamoros. O pivote madrileño, cun demoledor acerto goleador nas últimas semanas, topouse esta vez co pau.
O Pescados Rubén apostou daquela polo xogo de cinco, pero non conseguiu facer dano ao seu opoñente; Cristian Ramos e Zequi sentenciaron o duelo nos últimos segundos.
A VINDEIRA FIN DE SEMANA, VISITA DO CARTAGENA
Antes das festas de Nadal, o conxunto laranxa recibirá en Vista Alegre ao Jimbee Cartagena.