O á murciano Juanfran Botía Galiano, xogador do Pescados Rubén Burela FS, incorporarase nos vindeiros días ao UA Ceutí como cedido. O 11 laranxa, con contrato ata xuño de 2020, defenderá ao equipo de Segunda División como reforzo de inverno, xunto a outro dos seus compañeiros na Mariña, o brasileiro Everton.
Juanfran recalou no equipo de Juanma Marrube na tempada 2018-19 para converterse nun dos motores do bloque que acadou o regreso á elite para o conxunto galego, proclamándose campión de Segunda na pasada campaña.
O Pescados Rubén agradeceu “o compromiso e a valiosa achega” do á murciano no crecemento do Pescados Rubén ao longo desta tempada e media. Na primeira volta, Juanfran disputou once partidos, dous como titular, e obtivo un gol.
O cadro burelao, despois da lesión de Iago Míguez, que manterá ao canteirán afastado das pistas durante o que resta de curso, tentará reaccionar con incorporacións tras unha primeira volta na que padeceu a esixencia da máxima categoría. Actualmente, pecha a clasificación na última praza con nove puntos.