O Pescados Rubén Burela FSF levou os tres puntos (3-5) no derbi galego disputado no pavillón da Seca, despois dun disputado derbi galego ante o Poio Pescamar.
O cadro pontevedrés creoulle problemas ao equipo da Mariña Lucense, que na primeira metade foi por detrás dúas veces no marcador. Ana Escribano, no minuto 6, e a internacional Iria Saeta, pasado o cuarto de hora, adiantaron ás locais con goles aos que responderon a ex futbolista do Poio Jenny Lores, primeiro, e Cilene, despois, a dous minutos para o descanso.
No segundo tempo, o cadro que adestran Julio Delgado e máis Lucas desequilibrou a balanza con goles de Bea Mateos, no minuto 27, e de Lara Balseiro, pasada a media hora de encontro. O Poio Pescamar non tardou en utilizar o recurso da porteira-xogadora e Dani Sousa anotou o 3-4 con moito tempo aínda para o remate, sete minutos.
O FUTSI GAÑOU EN ALACANTE (2-4)
Con todo, o cadro burelao soubo aguantar a presión e liquidou o partido cun gol desde a súa propia portería de Jozi, a falta duns segundos para o desenlace. Outra ex do Poio Pescamar, Ale de Paz, tivo o 3-6 nas súas botas, pero non estivo atinada. Tivo que suar o Burela FSF, pero acadou tres puntos traballados cos que segue a perseguir ao Atlético Futsi Navalcarnero. O líder non afrouxa o ritmo e gañou a domicilio ao Universidad de Alicante (2-4).
O VINDEIRO COMPROMISO, FRONTE AO MÓSTOLES NA CASA
O vindeiro compromiso do Pescados Rubén Burela FSF será en Vista Alegre, ante un clásico da Primeira División, o Móstoles.