InicioDeportesO Burela FSF sufre para amarrar os tres puntos nunha batalla ante...

O Burela FSF sufre para amarrar os tres puntos nunha batalla ante o Móstoles

Cilene desequilibra no minuto 37, con xogo de cinco, un partido complicado no que o cadro madrileño incomodou ata o final ás da Mariña Lucense

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FSF sufriu para amarrar os tres puntos en Vista Alegre (4-3) ante un esixente Móstoles, que puxo en atrancos ao conxunto laranxa ata o último minuto do encontro. Con este triunfo, o equipo burelao mantense a cinco puntos do Atlético Futsi Navalcarnero, que gañou ao UCAM Murcia con solvencia (7-3).

O conxunto mostoleño deulle problemas ás discípulas de Julio Delgado e máis Lucas. A primeira ocasión do encontro foi para Desi Godoy, opción que desbaratou Ana Romero. Jenny Santos, Cilene -que obrigou a despexar a Celia coa cabeza- e Ale de Paz tiveron as mellores oportunidades do cadro da Mariña Lucense.

TODOS OS TANTOS, NA SEGUNDA METADE

Tras unha primeira metade sen goles, o Móstoles volveu dar o primeiro aviso á volta do descanso, nunha xogada de estratexia que salvou Jozi. Ale de Paz tivou unha boa oportunidade xusto antes de marcar o 1-0, no minuto 22, e poñer por diante ao cadro burelao nun encontro incómodo. Tanto que Alicia Benete, segundos despois, acadou o empate.

O Pescados Rubén reaccionou á igualada e a porteira visitante, Miri, tivo que empregarse a fondo para resolver un man a man ante Dany. Lara Balseiro e Ale de Paz gozaron tamén de oportunidades para acadar o 2-1, pero foi o Móstoles o que se adiantou no electrónico. Fíxoo no minuto 31, grazas a Andreza.

RÉPLICAS CASE INMEDIATAS

Non tardou o Burela FSF en responder. Jane equilibrou a contenda segundos despois do 2-1 e o cadro local recuperou folgos para afrontar o treito final do encontro. O premio á loita do conxunto laranxa chegou tres minutos despois, cando Ale de Paz anotou o terceiro tanto.

Con todo, o partido non estaba sentenciado. O cadro madrileño optou polo xogo de cinco coa ex do Pescados Rubén Burela Shiori como porteira-xogadora. A aposta deu resultado e Celia colocou o 3-3 no luminoso poucos minutos despois de que as visitasen utilizasen a superioridade numérica.

Faltaban catro minutos para o final, e os técnicos do conxunto local replicaron co xogo de cinco. Cilene fixo boa a decisión dos adestradores anotando o 4-3 segundos despois. Aínda habería que aguantar un último susto, no 40′, cando Jozi sacou un disparo de Inma, coas visitantes en superioridade numérica.

VINDEIRA XORNADA

Na vindeira xornada, o cadro laranxa visitará ao Majadahonda, a domicilio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...