O ex gardameta do Pescados Rubén Burela FS Álex González freou na segunda metade as aspiracións do equipo que adestra Juanma Marrube, que caeu pola mínima en Vista Alegre (1-2) fronte a un Inter Movistar que segue como líder da Primeira División na Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS).
O equipo burelao acusou a pegada do primeiro clasificado nos compases iniciais do encontro. Gadeia, no minuto 2, e o extraordinario Ricardinho, no 8, puxeron en franca vantaxe ao cadro madrileño ante un conxunto local que tivo tamén as súas opcións nas botas de Renato e o debutante en Vista Alegre Xande de los Santos. Tamén se estreou Pixote coa camisola laranxa ante a afección.
No treito final do primeiro acto, de novo Xande e Renato probaron a Álex e Gadeia estrelou o balón no pau.
O cadro interista atopouse de novo coa madeira á volta dos vestiarios, cun remate de Borja que se foi ao longueiro. O Burela FS respondeu co 1-2, obra de Joselito. Quedaban por diante catorce minutos de fútbol sala. A partir de entón emerxeu a figura de Álex González, que desbaratou oportunidades para Xande, Álex Diz ou Matamoros. O traveseiro repeliu unha falta directa de Renato nos mellores momentos dos da Mariña Lucense.
Tamén se empregou Kaluza, a pés de Marlon primeiro e de Bebe despois. A falta de dous minutos para o desenlace, Juanma optou polo xogo de cinco, con Joselito como porteiro-xogador. Ambos os equipos con cinco faltas, os compases finais da contenda tiveron emoción, intensidade e nervios, pero faltaron os goles, porque Álex González sacou sobre a bucina dous novos remates, do propio Joselito e Álex Diz. Non houbo premio para un orgulloso e combativo Burela FS ante o poderoso Inter Movistar.
EL POZO MURCIA, VINDEIRO RIVAL
O cadro burelao seguirá o seu particular ‘Tourmalet‘ na vindeira xornada, pois medirase en Vista Alegre a outro dos grandes do fútbol sala español, El Pozo Murcia.