Ao Pescados Rubén Burela FS custoulle facerse cos tres puntos da xornada 19 no derbi irmandiño (4-1). As Guerreiras medíronse a un Cidade das Burgas correoso e atrevido que lles puxo as cousas difíciles, sobre todo na primeira parte, tomando a iniciativa no marcador. As mariñás conseguiron chegar ao descanso con empate 1-1; co 2-1, no reinicio, o conxunto local gañou en verticalidade para facerse co encontro.
As Burgas quixo ser valente cuns minutos iniciais moi intensos nos que subiu filas para presionar a elaboración mariñá. As visitantes foron as primeiras en poñer a proba a rede, antes de cumprirse o minuto 2, con Nahir Oliveira. Respondeu Bea Mateos fronte a Ana Lastra. Aos poucos foron atopando algún oco as de Julio Delgado, aínda que con moitos erros, con Dany -por partida dobre-, Ale de Paz e Jane.
A de ouro do partido protagonizouna precisamente Jane, no 11, nun marabilloso autopase superando a Ana Lastra, pero aí estaba Clara para desartellalo. As ourensás conseguiron adiantarse no minuto 16, coa ex das laranxas Lucía Nespereira nun saque de esquina que entrou directo. Cristina tivo a igualada pouco despois nun centro de Jenny Santos. E foi xusto a 9 burelista a encargada de subir o 1-1 a falta de 2’20” para o descanso nun golazo desde os oito metros. Apertou o Pescados Rubén e Cristina a punto estivo de marcar a iniciativa no luminoso, cun balón cruzado que rozou Ana Lastra para evitalo.
JENNY LORES E JENNY SANTOS, DE NOVO ATINADAS
Jenny Lores aproveitou para poñer ás súas por diante no reinicio; no 23 a pontevedresa cazou o rexeitamento a un tiro de Dany. A partir de aí as Guerreiras medraron. No 25, Jane volveu liderar o perigo sobre a rede de Ana Lastra; a brasileira topouse por primeira vez coa defensa das Burgas e pouco despois non puido chegar ao pase ao segundo pau de Bea Mateos. O 3-1 subiu para as Guerreiras ao bordo do ecuador do segundo acto nas zapatillas de Cristina, apoiada en Jenny Santos e axustando ao segundo pau. Atopou así máis tranquilidade Burela no electrónico e no xogo.
A falta de sete minutos para a bucina, Bea Mateos saltou como porteira xogadora; Sonia Pacios puido recortar no 35 a porta baleira nun despexe que se foi moi desviado. As Guerreiras atoparon o cuarto nun roubo de Jenny en pista visitante coa portería sen custodia. Restaban tres minutos de xogo e tocoulle a quenda á meta Lucía Paz, de Comarcal A Fervenza FSFS, para estrear a tempada laranxa. Dany aínda tivo o quinto, en dobre penalti, a 25 segundos do descanso, sen éxito.
O LEGANÉS, VINDEIRO RIVAL
O cadro burelao segue na segunda praza, á estela dun Atlético Futsi Navalcarnero que non afrouxa o ritmo. O cadro madrileño gañaba por 4-1 ao Poio Pescamar ao peche desta edición. O equipo laranxa medirase ao Leganés na próxima xornada.