Jenny Lores lidera ao Burela FSF, que derrota con solvencia ao pechacancelas

A xogadora pontevedresa, con dous goles, guía ás da Mariña Lucense fronte ao Xaloc Alacant nun encontro no que tamén marcaron Cris Lourés e Peque, que asinou unha diana de antoloxía

Jenny Lores pisa o balón ante unha xogadora do Xaloc Alacant. PESCADOS RUBÉN BURELA

O Pescados Rubén Burela FSF mantén a segunda praza na Primeira División despois de derrotar ao pechacancelas da máxima categoría, o Xaloc Alacant, por 4-0. O equipo burelao segue á caza -cinco puntos abaixo- do Atlético, que dobregou (6-2) ao Majadahonda.

As da Mariña Lucense amosaron a súa superioridade no primeiro tempo, que pecharon cun cómodo 3-0 a favor. No minuto 8, Jenny Lores aproveitou no segundo pau un envío de Dany para abrir o marcador. Pouco despois de cumprirse o primeiro cuarto do encontro, Peque ampliou a renda cun gol antolóxico, ao superar á gardameta visitante desde media pista. Antes do descanso, a promesa Cris Lourés, de 17 anos, marcou o seu primeiro tanto da tempada.

Jenny Lores tivo a última oportunidade, cun disparo que estrelou no poste, dunha primeira metade na que o Alacant só puxo a proba nunha ocasión a Jozi. A porteira brasileira detivo un disparo de Ángela Palazón.

Na segunda metade, con Lucía Paz na portería, o Burela FSF aumentou a vantaxe no minuto 25, grazas a unha Jenny Lores moi activa. A porteira do Pescados Rubén desbaratou unha oportunidade de Miriam nun segundo asalto prácido para o cadro local.

A VINDEIRA SEMANA, O ROLDÁN

A vindeira fin de semana, o equipo que adestran Julio Delgado e máis Lucas desprazarase á pista do Roldán murciano.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here