O Pescados Rubén Burela FSF impuxo a lóxica no partido de ida das semifinais da Copa Galicia e acadou un 1-10 na pista do Viaxes Amarelle coruñés que practicamente sentenza o pase das da Mariña Lucense á final da competición autonómica.
O cadro laranxa saíu á pista cunha intensidade alta desde o principio para non deixar medrar a un dos mellores equipos da Segunda División, primeiro clasificado do grupo I da categoría de prata, e no minuto 7 xa mandaba no marcador por 0-3, con goles de Cilene, Lara Balseiro e Peque. A xogadora viveirense, Jenny Lores e unha futbolista local en propia portería ampliaron a renda ata o 0-6 co que se chegou ao descanso.
Nun segundo acto con pouca historia, Jenny Santos, Ale de Paz -en dúas ocasións- e Cilene puxeron ao Burela FSF con pé e medio no partido decisivo polo título. O Amarelle, voluntarioso pero que se topou coa calidade dun dos mellores equipos de Primeira, conseguiu marcar o 1-10 no treito final do encontro.
A VOLTA, O 18 DE MARZO
O partido de volta está previsto para o 18 de marzo en Vista Alegre. As vencedoras pelexarán polo título o 11 de abril, na final.
Poio Pescamar e Ourense Envialia, os outros dous aspirantes á Copa Galicia, veranse as caras na outra semifinal a partir das 20.00 horas deste martes. O partido de ida xogarase na Seca e o de volta na Cidade das Burgas.
O ROLDÁN, EN LIGA
“As Guerreiras” completarán a semana desprazándose á pista do STV Roldán, oitavo na táboa, para disputar o sábado a xornada 22 de Liga, a partir das 12.00 hoas, con emisión en directo por 7TV.