O Pescados Rubén Burela FS encarará a volta das semifinais da Copa de Galicia en vantaxe despois de derrotar (5-3) ao Parrulo Ferrol en Vista Alegre. A Malata acollerá o encontro de volta o 18 de marzo ás 20.00 horas.
Renato, na estratexia, e Eto’o adiantaron aos locais con dous tantos case consecutivos ao borde do cuarto de hora. Hoa recurtou axiña diferenzas no marcador, pero Lucho devolveu os dous tantos de vantaxe aos da Mariña Lucense antes do descanso. Na última ocasión do primeiro tempo, Kaluza mantivo o botín tras rexeitar un remate do ex do Pescados Rubén Iago Rodríguez.
Á volta dos vestiarios, Morioka achegou ao conxunto ferrolán no luminoso ao aproveitar un saque de esquina. Lucho, tras culminar un contraataque liderado por Luisma, anotou o 4-2 á media hora de xogo. Renato, cun dobre penalti no minuto 36, puxo en clara vantaxe aos locais para o partido de Ferrol, pero Morioka limou as distancias no treito final do encontro, deixando a eliminatoria aberta.