O Pescados Rubén Burela FSF acadou unha traballada vitoria en Vista Alegre ante o Sala Zaragoza (4-2), un rival da zona media-baixa da táboa, que puxo en atrancos ás discípulas de Julio Delgado e máis Lucas. O cadro laranxa resolveu nun minuto, con dous goles no 30, unha situación complicada cando o equipo maño gañaba por 1-2.
As da Mariña Lucense encaixaron axiña, no minuto 3, o primeiro golpe, cando Livia culminou unha acción de Rafinha. O Burela FSF comezou a achegarse con perigo á portería de Suzan e tivo opcións por medio de Cilene e Peque, pero Cris debeu tamén empregarse a fondo para evitar baixo paus o 0-2.
A presión do conxunto local comezou a desgastar ás visitantes, que comezaron a retroceder e pasar dificultades. Acumularon faltas axiña e recibiron o gol do empate ao cuarto de hora, obra de Bea Mateos a balón parado. Nos mellores momentos do Pescados Rubén Burela FSF, que puido sentenciar o encontro nese treito, Peque rematou ao poste e Suzan detivo un dobre penalti lanzado por Jenny Santos, a quen a porteira do Sala Zaragoza fustrou noutra boa oportunidade segundos antes.
ESPERA UNHA FINAL POLA SEGUNDA PRAZA
Os minutos de brillo do Burela FSF pasaron e o conxunto maño mantívose no partido, chegando ao treito final con opcións de puntuar. No minuto 28, Rafinha puxo por diante no marcador aos visitantes. O 1-2 puido supoñer unha montaña para as locais, obrigadas a gañar na pelexa pola segunda praza da Liga regular, pero a reacción das da Mariña foi inmediata. Á media hora de xogo e nun abrir e cerrar de ollos, Cilene e Bea Mateos déronlle a volta ao resultado.
O Sala Zaragoza tentou remontar con xogo de cinco e o equipo laranxa soubo defenderse. Mesmo aumentou a súa renta por medio de Ale de Paz, a un minuto do desenlace.
O cadro burelao disputará a vindeira fin de semana unha final polo segundo posto, dado que o Ourense Envialia, terceiro clasificado, visitará Vista Alegre.