A finais do 2010, o burelés Alberto Méndez viu un de tantos carteis colgados nunha cervexería irlandesa da Coruña. O rótulo convidaba a quen o lese a participar dun xogo singular, do que non había nin rastro en Galicia. Seguramente, non pensou que ese día lle cambiaría a vida, nin que sería -xunto con outro burelés, Martín Fernández– pioneiro no deporte de moda na nosa comunidade, logo de que as seleccións galegas feminina e masculina de fútbol gaélico se proclamasen, respectivamente, campiona e subcampiona de Europa en Lorient.
PIONEIROS
Os dous mariñaos buscaban algún pasatempo na cidade herculina e sentiron curiosidade polo xogo. “Chegamos ao lugar da xuntanza que había convocada no cartel e non había ninguén. Dimos un par de voltas pola zona para matar o tempo e volvemos. Daquela había xa tres ou catro persoas e entramos”, relata Méndez.
O núcleo primixenio do gaélico galego, que levantou un deporte da nada na nosa comunidade, iniciouse no xogo con vídeos e tutoriais de Youtube. Xogaba con luvas de ciclismo e cun balón de fútbol Mikasa de cor laranxa.
Estes apaixonados contactaron para organizar adestramentos con outros seareiros do xogo a nivel español, que os axudaron a mellorar. Tiveron que desprazarse a Madrid ou a Sevilla, cos seus propios fondos, só para practicar e progresar un chisco na súa afección.
Co paso dos anos, o proxecto tornouse máis sólido. En outono do 2010 fundouse na Coruña o Fillos de Breogán, o primeiro equipo galego de fútbol gaélico, que desputou o seu primeiro encontro en febreiro do 2011. Durante anos tivo que desputar un campionato estatal, ata que comezaron a aparecer outras entidades na comunidade.
No 2012 iniciaron a súa andaina Ártabros, de Oleiros, e Irmandinhos, da Estrada. Ese mesmo ano, a selección galega masculina competiu por primeira vez. Foi o 20 de xullo, en Narón e contra Bretaña. Hoxe hai 10 escadras masculinas en Galicia e outras oito femininas, que desputan cadansúa Liga e que, nalgúns casos, son entidades competitivas a nivel europeo.
a diferenza doutros equipos do estado, con moitos irlandeses emigrados nas súas filas, os galegos fórmanos DEPORTISTAS locais
Méndez, que defendeu en moitas ocasións a camisola de Galicia e mesmo foi subcampión mundial en Abu Dhabi, está a sacar o título de adestrador de fútbol gáelico do máximo nivel. Exerce como axudante do seleccionador galego masculino, aínda que por cuestións laborais non puido desprazarse a Lorient. Agora ve os éxitos dos combinados galegos como algo propio. “É un orgullo. Comezamos catro ‘frikis‘ que tivemos que buscar información e gastar moitos cartos, vender rifas para financiarnos… Ver que medrou tanto é unha satisfacción enorme“, asegura.
O fútbol gaélico, que mestura técnicas do fútbol, o rugby e o voleibol, tomou forma no 1887. En Irlanda trátase do deporte nacional, capaz de encher estadios con capacidade para 80.000 persoas. “Hai quince xogadores e a portería ten forma de hache”, expón outro mariñao, Roberto Casas, que forma parte da Asociación Galega do Fútbol Gaélico e tenta potenciar esta disciplina na Mariña Lucense.
Que engancha do gaélico? “É un deporte moi dinámico, con transicións rápidas entre a defensa e o ataque”, sinala Casas. “Se adestras con certa regularidade, é doado mellorar e competir a un nivel digno”, apunta Méndez.
TERCEIRO TEMPO
Ademais, está o factor extradeportivo. “É un xogo con valores. Hai un ambiente fenomenal e o terceiro tempo, coma no rugby, é innegociable”, explica Casas. “En Irlanda compítese por condados, co que os xogadores que naceron nunha zona defenderán sempre á súa comarca ou a súa provincia”, engade. Tamén aclara que os títulos mundiais ou europeos son sempre incompletos, á marxe da selección irlandesa. “Son coma o dream team. Se xogan non habería cor”, ri.
O templo do gaélico é o croke park de Dublín, con capacidade para máis de 80.000 espectadores
EQUIPO MARIÑAO
A meteórica historia do fútbol gaélico en Galicia continúa, coma un tren de alta velocidade. Os mariñaos que queiran subirse ao tranvía poden facelo de enviar un correo electrónico a gaelicomarinha@gmail.com ou chamar ao 675.40.78.10.