InicioDeportesPope volve ao Palma tras tres tempadas no Burela FS e Joselito...

Pope volve ao Palma tras tres tempadas no Burela FS e Joselito tampouco continuará

A entidade laranxa impugnou a sanción de 15.000 euros imposta pola negativa de acceso ao pavillón de Vista Alegre a técnicos colaboradores e de estatística da LNFS

Publicada o

- Advertisement -

Sergi Orgillés Saiz, Pope, non continuará no Pescados Rubén Burela FS a vindeira tempada. O peche catalán, que remata contrato o 30 de xuño, despídese da entidade laranxa despois de tres tempadas, regresando á estrutura do Palma Futsal, club do que chegou cedido en 2017 para entrar a formar parte do proxecto laranxa para o regreso á Primeira División.

Nunha nota de prensa, o club agradece “a gran capacidade de dedicación e sacrificio amosada por Pope ao longo desta fermosa etapa para o fútbol sala mariñao e deséxalle un futuro repleto dos mellores éxitos”.

Pope disputou 22 partidos na xa pasada campaña, dez deles como titular. Anotou tres goles.

Tampouco continuará no club José Antonio Macías Pérez, Joselito. O á gaditano, con contrato en vigor ata o 30 de xuño, non formará parte do proxecto do Pescados Rubén FS para a tempada 2020-21.

Joselito chegou á Mariña Lucense en 2019, cedido tamén polo Palma Futsal. Esta tempada disputou 23 partidos, seis deles no quinteto titular, e anotou dous goles.

O club laranxa deséxalle fortuna nos seus novos proxectos.

A ENTIDADE ESTUDA ACUDIR AO ÁMBITO PENAL

Por outra banda, o club interpuxo formalmente unha demanda contra a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) no Xulgado de Primeira Instancia de Madrid exercitando a acción de impugnación da sanción imposta pola negativa de acceso por parte da entidade laranxa ao pavillón Vista Alegre de persoal técnico e de estatísticas da LNFS, ademais do uso de logos alleos á Liga.

A antedita multa, acordada en xunta directiva o 7 de febreiro de 2020 e que ascende a 15.000 euros, sanciona o club por cumprir coa norma federativa e “ampárase nun Regulamento Xeral de Infraestruturas e Audiovisual da LNFS que non foi aprobado nin debatido en asemblea, malia que se asegura a súa vixencia desde o 11 de xullo de 2019, ademais dos estatutos da propia Liga, sen competencias organizativas no momento no que trasladou a suposta infracción, nun proceso ademais con irregularidades no nomeamento da comisión ética e nos prazos de alegación”, destaca o Burela FS.

“Desde o Pescados Rubén Burela FS actuouse en todo momento de acordo aos estatutos e instrucións da entidade organizadora, a Real Federación Española de Fútbol, que con data do 16 de outubro de 2019 comunicou á LNFS que asumía a plenitude de competencias organizativas. Como organizador do encontro e responsable das instalacións, o club, acolléndose ao Estatuto de Traballadores, impediu o acceso de técnicos colaboradores da LNFS en tan só unha ocasión (15 de novembro de 2019), xa que estes non acreditaron a súa relación laboral ou contractual coa Liga; a devandita acreditación foi presentada no resto de partidos”, salienta a entidade.

O club “está estudando actuar penalmente” contra a xunta directiva da LNFS “ante a non devolución de saldo positivo por parte da entidade burelá reclamado en dúas ocasións, o 30 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020″.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...