O Pescados Rubén Burela FSF xa ten rival na final pola Liga da Primeira División feminina de fútbol sala. Será a AD Alcorcón, que gañou este venres en Málaga ao Ourense Envialia na tanda de penaltis e clasificouse para o encontro decisivo polo título. Non haberá, pois, finalísima galega do campionato.
O equipo madrileño chegou a dominar o duelo 0-3 cun tanto de Cristina Ballesteros e dobrete da galega Vane Sotelo na primeira parte, pero na segunda o Ourense remontou ata empatar 3-3 cun gol da porteira Vane Barbera desde o seu campo e dúas dianas de Sara Moreno que enviaron o partido á prórroga.
No tempo extra mantívose a igualdade e só se rompeu nunha longa tanda de 18 penaltis que rematou 6-7 a prol do Alcorcón. A final xógase o domingo no Pabellón Martín Carpena de Málaga ás 17.30. A expedición burelá xa adestrou este venres no escenario do encontro.