O Pescados Rubén Burela FS anunciou este mércores a continuidade de Michal Marek Kaluza baixo paus. A entidade da Mariña Lucense e o meta internacional con Polonia chegaron a un acordo de renovación para a vindeira tempada.
Kaluza recalou nas filas laranxas o ano pasado, procedente do Rekord Bielsko-Biała, para compartir responsabilidades e moitos minutos co veterano Edu e compatibilizar a súa primeira experiencia na elite española cos chamamentos do combinado polaco.
A continuidade de Kaluza súmase ao proxecto dun bloque que volverá pelexar na Primeira División integrado pola experiencia de Matamoros e Lucho, o toque da casa de Iago Míguez e Renato, a proxección de Pitero e a polivalencia de Álex Diz.
BAIXA DA LNFS
Noutra nota, o Pescados Rubén Burela FS afirmou que se viu “abocado” a dirixir escrito á Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) “comunicando a súa baixa na asociación” con efectos do 30 de xuño.
“Accións xudiciais da LNFS non consensuadas cos clubs membros levaron á RFEF a asumir as competencias organizativas da Liga, motivo polo cal o obxecto da asociación conforme aos seus estatutos queda baleiro de contido”, afirma a entidade.
“Tras a baixa, o club recupera para todos os efectos os seus dereitos de imaxe e TV que cederá durante esta tempada baixo as premisas de organización da competición e de pertenza á LNFS”, remata o Pescados Rubén Burela.