O Pescados Rubén Burela FS confirmou a fichaxe do pivote coruñés Diego Quintela (Arzúa, 1991) para a tempada 2020-21.
Quintela, procedente do Palma Futsal e con pasado no Santiago -club no que se criou- e no FC Barcelona, é o décimo xogador confirmado pola entidade para a vindeira campaña.
DEZ XOGADORES CONFIRMADOS PARA O VINDEIRO CURSO
Únese a Edu, Matamoros, Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Renato, Pitero, Eto’o e Kaluza. Á fronte do bloque seguirá un ano máis o técnico alfocego Juanma Marrube, como concretou onte o club da Mariña.
O xogador de Arzúa pode solucionar de cara ao vindeiro curso os problemas co gol que lle custaron puntos ao cadro burelao, que tivo en Matamoros a súa principal referencia ofensiva, sendo dependente dos tantos do pivote madrileño.
DESTACA A “SERIEDADE” DO CLUB LARANXA
“Creo que hoxe en día Pescados Rubén é o club que máis se adapta ás miñas prioridades tanto deportivas como persoais. Levo xogando moitos anos e competindo desde moi preto -na miña antiga etapa en Santiago- e é un club ao que sempre admirei pola súa seriedade, compromiso e ambición”, explicou o novo 23 laranxa.
Por último, Quintela dedicou unha mensaxe ás persoas de Burela ante a situación actual que atravesa o mundo debido á pandemia. “Unha frase que me poño moito no meu estilo de vida é que non debo contar os días, teño que facer que os días conten. Son momentos difíciles pero, unidos e con forza, sairase desta”, indica.