Xulia López, integrante do Club de Bolos Xove, proclamouse na pasada fin de semana campiona de España de birlo celta na proba a nivel estatal disputada en Nigrán.
A xogadora xovense superou na semifinal a Belén Rodríguez, do Club Rega de Baiona, mentres que pola outra parte do cadro enfrontáronse as dúas grandes favoritas, Paula López, do Portameán de Belesar e Sandra Suárez, do Villatresmil de Tineo, en Asturias. O duelo resolveuse a favor da primeira.
FINAL
Na final da proba individual, Xulia impúxose a Paula López por 5-2 e proclamouse campiona de España da categoría. Outras dúas integrantes do club xovense, Salomé Cardoso e Carmen Roca, obtiveron a quinta e sétima praza.
POR PARELLAS
Na competición por parellas, Xulia alcanzou o terceiro posto xunto á asturiana Inma Menende, nunha proba que gañaron Belén Rodríguez e Rocío Menéndez.