Medio milleiro de rapaces participará desde o venres ata o domingo no torneo de fútbol base Marosa Cup, organizado pola AFD Porto de Burela. As promesas deste deporte serán de novo os grandes protagonistas do evento, que reúne a 36 equipos das categorías alevín, benxamín, prebenxamín e iniciación –dos seis aos doce anos- pero que, nesta edición, se amplía coa participación de conxuntos sénior e veteranos.
O torneo reunirá 36 equipos das categorías alevín, benxamín, prebenxamín e iniciación
O torneo serve como posta a punto de equipos que preparan a súa participación en ligas provinciais das categorías inferiores, que comezarán a mediados de outubro. Á cita asisten 35 equipos de clubs da provincia, cunha ampla representación de entidades da Mariña, aos que se suma o RC Deportivo, que despraza a Burela conxuntos das categorías alevín e benxamín.
TRIANGULAR FEMININO
O fútbol feminino será un das novidades do torneo, que chega a súa cuarta edición. A SD Burela, que este ano conta por primeira vez cun equipo feminino nunha liga da Federación Galega de Fútbol, tamén leva a esta cita de pretemporada a súa aposta, coa disputa dun triangular feminino o domingo. As anfitrioas mediranse á Milagrosa e ao Atlético San Pedro da Coruña.

PARTIDO DE VETERANOS
Unha das citas estrela do torneo será o encontro de veteranos que disputarán SD Burela e RC Deportivo o sábado a partir das 12.00 horas, e que traerá ata o campo da Marosa a xogadores que foron buque insignia do SuperDépor, como o centrocampista Donato.
REPERCUSIÓN ECONÓMICA
O Concello de Burela e a Deputación de Lugo colaboran co club da Marosa na organización deste evento que, segundo destacou o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, “estase convertendo nun referente nas categorías inferiores”. O edil subliñou a repercusión que o evento terá no sector hostaleiro durante a fin de semana.