A porteira Sandra Buzón Camus (Santander, 1996) é a primeira fichaxe confirmada polo Pescados Rubén Burela FSF de cara á vindeira tempada, na que compartirá responsabilidades coa hispano-brasileira Jozi. A meta cántabra defendeu a rede do Leganés nos tres últimos exercicios.
“Espero conseguir a miña mellor versión, tanto a nivel físico coma a nivel táctico e, unha vez conseguidos eses dous propósitos, axudar o equipo a manter a liña de triunfos que o caracterizan”, así de emocionada se amosaba a nova 4 laranxa, que recala na Mariña para seguir medrando: “o que me atraeu de xogar en Pescados Rubén Burela FSF foi a súa profesionalidade e a súa esixencia. Precisaba saír da miña zona de confort e asumir novos retos para seguir medrando no persoal e no deportivo. Creo que este é o club idóneo para conseguilo”, explicaba Sandra Buzón.
“A primeira impresión sobre esta nova localidade superou as miñas expectativas, aínda que tamén é certo que despois de tres anos vivindo en Madrid o cambio é importante e supoño que ao longo dos primeiros meses o vou notar”, valoraba a porteira de 23 anos, formada no FSF Guarnizo e Rácing Féminas e que defendeu tamén o Tecuni Bilbo (2014-16) e FSF Rioja (2016-17) antes do Leganés.
“Creo que este parón nas nosas vidas ensinounos a gozar con máis intensidade de todas as cousas que nos gustan e que botamos de menos todos estes meses. Volve o futsal e con el unha nova tempada chea de ilusións e retos que espero que compartamos xuntos”, reflexionaba a nova cara laranxa dirixíndose á Bancada Laranxa a tan só seis días de estrear a pretempada en Vista Alegre.
BEA, LARA E DANY CONTINÚAN; MARCHAN ANA ROMERO, LUCI E LORES
O Pescados Rubén Burela FSF confirmou ao longo dos últimos días a continuidade de futbolistas importantes como a pivote Dany, a capitá Bea Mateos ou a á mariñá Lara Balseiro. Non seguirán, segundo certificou a entidade laranxa, Ana Romero, Luci e Jenny Lores. A Primeira División feminina comezará o 5 de setembro.