A universal Elena Aragón de la Torre (Chiclana de la Frontera, 1995) será xogadora do Pescados Rubén Burela FSF a vindeira tempada, segundo expuxo a entidade laranxa a través dun comunicado de prensa. Procedente do Leganés, a andaluza convértese na segunda novidade nas filas burelistas tras a incorporación da porteira cántabra Sandra Buzón, que chegou tamén do equipo madrileño.
A nova 19 do Pescados Rubén FSF, que o ano pasado anotou dez goles na Primeira División, supón a novena peza do novo bloque laranxa. O Burela anunciou este mesmo mércores a renovación de Ale de Paz.
NOVE FUTBOLISTAS CONFIRMADAS
A xogadora de Neda, que no anterior curso asinou doce tantos, cumprirá a súa segunda tempada no club. Tamén renovaron Bea Mateos, Dany e Lara Balseiro, e Jozi, Peque e Cami teñen contrato en vigor. Buzón e Aragón son, polo de agora, as dúas incorporacións confirmadas.
“Hai xogadoras no equipo con moitísima experiencia e calidade das que espero aprender. Ademais, (o Pescados Rubén FSF) é un dos clubs destacados neste deporte e dos poucos que son profesionais, aquí poderei madurar tanto persoal como futbolisticamente”, valorou Aragón sobre o seu novo destino.