O Pescados Rubén Burela FSF comezará a Liga de Primeira División o 17 de outubro cun derbi a domicilio na pista do Ourense Envialia, un dos mellores equipos da pasada tempada. O cadro burelao, que xogará o seu primeiro encontro na casa fronte ao Leganés, unha semana despois, recibirá ao ourensán o 6 de marzo.
O cadro que adestran Julio Delgado e máis Lucas, coa columna vertebral do bloque intacta e reforzado por catro fichaxes, afrontará outros seis derbis, ante o Poio Pescamar, o Cidade das Burgas e o Viaxes Amarelle coruñés. O cadro herculino visitará Vista Alegre na xornada 3, o 31 de outubro, e o partido de volta será o 20 de marzo. Con respecto ao conxunto pontevedrés, esperará ao equipo laranxa o 21 de novembro, na sexta rolda da competición ligueira, e desprazarase a Burela na primeira fin de semana de abril.
O Pescados Rubén FSF xogará nos Remedios o 12 de decembro e As Burgas renderá visita a Vista Alegre o 8 de maio.
Dada a competitividade entre ambos clubs, os partidos contra o Atlético Futsi Navalcarnero son datas sinaladas no calendario para a entidade e para os afeccionados. O conxunto madrileño recibirá a visita das da Mariña o 5 de decembro, e viaxará a Burela o 17 de abril. O cadro burelao rematará a Liga nunha praza complicada, a do Alcorcón, nun encontro previsto para o 19 de xuño. Consulta o calendario completo nesta ligazón.