O Pescados Rubén Burela FS gozou dun regreso do máis intenso despois de case sete meses sen futsal, cunha cita moi equilibrada ante o Palma Futsal (2-3). Deleitouse a Bomboneira cun bo papel dos de Juanma Marrube coa volta de Iago Míguez tras 357 días da súa lesión de xeonllo e o gran recibimento da bancada laranxa; tamén houbo aplausos para a entrada doutras das xoias da canteira burelá como Nito e Renatinho.
A pesar de que o resultado escapou a tan só 12 segundos do final, a escuadra mariñá puido gozar dun dobre triunfo: “A primeira vitoria desta tarde foi poder volver xogar despois de todos estes meses e a segunda a recuperación de Iago; volve ser un máis sobre a pista”, explicaba o técnico de Alfoz, destacando a solidez e o bo axuste ao canalizar esas ganas sobre o parqué. “Soubemos demostrar o traballo de todo este tempo ante un rival que chegaba coa rodaxe de tres amigables, fronte ás nosas primeiras sensacións” reflexionaba o ‘Mariskal‘.
Igualdade e ocasións en ambas as redes. Esa foi a tónica dunha cita que tivo arrecendo cento por cento burelista no inicio do electrónico, de Pitero, no minuto 4, de tacón. Tan só 26 segundos se fixo esperar a resposta de Palma Rafa López cun disparo baixo. Pescados Rubén, ben posicionado, fíxose forte para frear as tentativas do Palma.
O NOIA, VINDEIRO RIVAL
Renato recuperou a iniciativa no marcador nun potente disparo afastado á escuadra; transcorreran cinco minutos dun segundo acto que o 12 burelista xa estreara con moito perigo nos primeiros segundos. Tomaz devolveulles as táboas ao electrónico no 28 a pase de João. Sen conseguir desartellar a defensa galega, a pouco máis de tres minutos, Palma optou por xogo de cinco. Kaluza, en consonancia con Renato, freou a primeira arremetida. As mans do polaco volveron facer acto de presenza ante Raúl Campos. Os pupilos de Juanma Marrube tamén quixeron probar o porteiro-xogador, con Matamoros, nas últimas tentativas. Os insulares atoparon a vitoria a tan só 12 segundos para o final con Raúl Campos ao segundo pau.
Noia, próximo test. Os mariñáns disputarán o segundo amigable da pretemporada o martes, 22, na pista de Noia Portus Apostoli (Agustín Mourís, 20.30 horas).