O Pescados Rubén Burela FS demostrou orgullo e de carácter fronte ao titánico Movistar Inter na tarde deste martes en Vista Alegre. Os galegos souberon mirar de ti a ti sobre o parqué ao vixente campión de Liga, igualando as forzas en moitas fases do partido. Con todo a falta de finalización penalizou en demasía aos de Juanma Marrube (0-3), que chegaban ao encontro como líderes tras un gran inicio da competición.
O partido comezou con ritmo e ocasións por ambos os lados. Quintela fixo tremer o pau no 3 de xogo, pero foi Eric Martel o que adiantou no 5; M. Kaluza xa freara a Tripodi cun unha gran resposta segundos antes. Tivo o empate Pitero, no 6, pero desartellou a ocasión Herrero coa cara. A partir de aí gañaron en actitude e temperanza os de Juanma Marrube fronte ao gran campión; fixeron un gran despregamento os do Mariskal cunha gran presión ante un Movistar impertérrito.
Enteireza e forza no regreso para os galegos. M. Kaluza mantivo o marcador sen moverse ante Pito na continuación. No 26 estaba Quintela preparado ao segundo pau para o empate ao pase de David Pazos pero as filas interistas evitárono. Tivo o empate despois o 20 laranxa, con nova aparición estelar de Herrero. Bruno Iacovino subiu o segundo no 28, a pase de Eric Martel. Cecilio puxo a proba á defensa local sen éxito, con bloqueo de Eto’o primeiro e gran saída de Kaluza máis tarde.
Con 2-0, chegaron os minutos máis incisivos en exposición para os galegos; merecía o Burela o gol que lle dese ás no partido. A punto estivo de chegar o primeiro dos burelistas superado o ecuador do segundo acto entre Álex Diz e Pitero, pero aí estaba Martel para evitalo. O premio merecido non chegou tampouco no 32, cunha gran parede entre o mesmo tándem e aproveitaron os de Movistar para anotar o 0-3, cunha chegada de Pito, nun balón que superou ao meta local, con Dani Saldise empuxando de cabeza ao segundo pau.
Definitivamente o gol non estaba ao lado burelista. Iago Míguez dispuxo de dúas tentativas ao segundo pau, sen poder conectar coa pelota. Tentouno máis tarde Eto’o por arriba pero fóiselle desviado. Con cinco e medio por diante, Quintela enfundouse na camisola de porteiro xogador. Boyis freou a Pitero, que foi un dos protagonistas sobre a rede interista no último tramo.
FICHA TÉCNICA
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Renato, Pitero, Giasson, Iago Míguez, Eto’o
Movistar Inter: Herrero, Tripodi, Raia, Borja, Pito, cinco inicial; tamén xogaron Cecilio, Dani Saldise, Boyis, Eric Martel, Bruno Iacovino, Fer Drasler
Goles: 0-1, minuto 5, Eric Martel; 0-2, minuto 28, Bruno Iacovino; 0-3, minuto 32, Dani Saldise.
NOVO CORTE DO STREAMING POR MOR DA LNFS E DA LIGA
Despois de sufrir o segundo corte en streaming a través de Youtube esta tempada, o Pescados Rubén reafírmase na defensa ante os tribunais do dereito dos afeccionados, en plena Covid-19, para gozar de fútbol sala. “Hoxe puidemos emitir a través de Twitch. A estratexia de amedrentamento da Liga de Fútbol Profesional e da liga Nacional de Fútbol Sala non vai facer efecto na determinación desta entidade en defender os seus dereitos de televisión e os dereitos de todos os seareiros”, afirma a entidade.