O Pescados Rubén Burela FS perdeu dous puntos ao empatar (5-5) co Futbol Emotion Zaragoza que anotou o 5-5 a falta de 20 décimas para o final, nun controvertido dobre penalti tras unha falta moi protestada por Vista Alegre. O equipo laranxa malgastou un excepcional arranque -dominaba por 3-0 no minuto 8- nun encontro con infinidade de ocasións en ambas porterías, nos que os discípulos de Juanma Marrube mereceron un mellor premio. Os locais suman así sete puntos en cinco xornadas.
O equipo que adestra Juanma Marrube saíu coa máxima intensidade á pista e no minuto 2 gozou da primeira gran oportunidade, un penalti cometido sobre David Pazos. Matamoros entrou para demostrar unha vez máis a súa efectividade nas penas máximas e encarrilar o encontro: 1-0.
SOBERBIA PRIMEIRA METADE
O cadro mariño tivo a súa primeira ocasión nas botas de Eloy Rojas, pero Kaluza estivo firme na portería. Foi un espellismo, porque o cadro burelao marcou axiña o segundo, no minuto 7, obra de Iago Míguez. Outro canteirán, Pitero, anotou o 3-0 segundos despois de entrar á pista, con certa fortuna, pois desviou un disparo de Álex Diz. Sen cumprirse aínda o primeiro cuarto do encontro, os tres puntos parecían estar no peto do Pescados Rubén Burela FS. O pau frearía pouco despois unha nova aproximación dos da Mariña.
Só un nubarrón aparecía nun arranque prácido en Vista Alegre, a acumulación de faltas dos locais. O Zaragoza tivo o 3-1 nun dobre penalti que lanzou Dian Luka e que parou Kaluza. O porteiro polaco non puido evitar que os maños reduciran diferenzas pasado o cuarto de hora, nunha xogada de estratexia. Con todo, Pitero tardou dous minutos en devolver aos locais a cómoda renda de tres goles da que dispuñan. Co 4-1 chegaba o descanso.
UN DUELO ENTRETIDO
No segundo acto seguiron as oportunidades, cun alto ritmo de xogo. Diego Quintela gozou dun man a man ante Iván Bernat que non soubo aproveitar. Javi Alonso marcou no minuto 24 para darlle vida aos visitantes. O encontro abriuse co 4-2 e en pouco máis de 180 segundos, Matamoros topouse co pau segundos antes de que o propio Alonso, tras combinar con Óscar Villanueva, se encontrase tamén coa madeira. Foi David Pazos quen tivo o 5-2 cun disparo que non atallou nun principio o gardameta do Futbol Emotion e que morrería no poste da portería branquiazul.
A nove minutos, Juanqui habilitou cun gran pase a Yamur, que conectou de volea un disparo cruzado que enviou Kaluza a saque de esquina. Nuns minutos de fútbol sala de quilates, Diego Quintela levantou ao público de Vista Alegre dos seus asentos ao marcar un soberbio tanto ao rematar con violencia e precisión unha xogada de estratexia. Sen tregua no encontro, Iago Míguez pediu penalti na área visitante e Kaluza desbaratou ante Adri Ortego o 5-3. Quintela e Ortego aínda terían outras dúas opcións claras para ampliar a conta dos seus respectivos equipos.
AS SUPERIORIDADES, FUNDAMENTAIS
A sete minutos do desenlace, Javi Rodríguez veu o segundo cartón amarelo e o Burela FS afrontou dous minutos en inferioridade. Non tardou o Zaragoza en rentabilizar esta circunstancia, e en 20 segundos Yamur, cun extraordinario disparo, deixou ao cadro maño a dous goles dos locais, que ademais acumularon por medio de Lucho a quinta falta.
Nada máis entrar o cuarto xogador de pista do Burela FS, Iago Míguez tivo unha ocasión clara para sentenciar ao rematar no segundo pau un contraataque iniciado por Renato. Respondeu ben Iván Bernat e mantivo ao Zaragoza no encontro. O porteiro do Futbol Emotion tapou tamén portería ante Pitero.
O equipo maño apostou polo xogo de cinco no 35 tras unha controvertida cesión sinalada polos colexiados. E novamente con superioridade numérica na pista non tardou o Zaragoza en poñer o 5-4 no marcador, por medio de Javi Alonso. Juanma Marrube tentou controlar a pelota tirando tamén do porteiro-xogador, con Matamoros, pero o cadro laranxa perdía axiña o balón.
Para rematar un encontro espectacular, o Pescados Rubén FS acumulou a sexta falta a falta de dúas décimas para o remate. Os xogadores e a bancada locais protestaron moito a infracción ao entender que o veterano Retamar se tirou. Encargouse do dobre penalti o peche madrileño, que fixo valer a súa experiencia e calidade para darlle un punto ao Zaragoza e quitarlle dous ao Burela.
APRAZADO O PARTIDO DAS ‘GUERREIRAS’ CONTRA O ZARAGOZA POR UN CASO COVID-19 NAS VISITANTES
O Pescados Rubén Burela FSF non poderá estrear a liga en Vista Alegre este sábado. A xornada 2 de Primeira División foi aprazada para as ‘Guerreiras’ por solicitude do Intersala Promesas Zaragoza, en illamento desde a fin de semana pasada pola aparición dun caso Covid-19 entre as xogadoras mañas. A RFEF determinará a nova data.