O Pescados Rubén Burela FS rabuñou un meritorio empate (3-3) na pista do Osasuna Magna Xota, nun partido espectacular, con varias alternativas no marcador e emoción ata o último segundo. Os discípulos de Juanma Marrube culminan con bo sabor de boca un treito complexo da competición, con ata tres partidos en dez días, e suman así oito puntos en seis partidos disputados.
O capitán dos locais, Roberto Martil, abriu o marcador no minuto 6, manobrando de costas á portería a pase de Mancuso. Non tardou a resposta do equipo da Mariña; antes de que se cumprira o primeiro cuarto do encontro, Renato aproveitou unha falta directa para equilibrar a balanza. A pouco do descanso, Juninho adiantou de novo aos de Imanol Arregui, rentabilizando un contraataque que xurdiu a partir dunha ocasión do cadro laranxa. Como tralo 1-0, o Pescados Rubén Burela repúxose axiña. O 2-2, obra de Pitero tras un remate de Matamoros, chegou a 52 segundos para o descanso. A bucina soou con xogo de cinco para os galegos e tentativa de Magna en contragolpe.
SEGUNDO TEMPO
Á volta dos vestiarios, o Burela FS deu un paso adiante en Anaitasuna. Renato, David Pazos e Quintela tiveron o 2-3, aínda que os pamploneses tamén poideron adiantarse nunha ocasión de Mancuso que desbaratou o poste e noutra oportunidade, desta volta por medio de Mancuso, á que respondeu Edu.
No minuto 27, David Pazos aproveitou un erro na saída de balón de Bynho para darlle vantaxe ao cadro da Mariña. Lucas Eto’o e Renato tiveron senllas opcións para acadar o 2-4, pero foi o local César quen atopou portería, 120 segundos despois do terceiro tanto burelao. Linhares puido marcar o 4-3, pero evitouno o veterano porteiro naronés do Burela FS.
De aí ao final, unha combinación entre Matamoros e Álex Diz foi frustrada polo pau da portería de Asier. Edu sacou unha man perfecta ante Fabinho e César nun treito final no que ningún dos dous equipos sacou rédito do xogo de cinco.