O Pescados Rubén Burela FS salvou un punto sobre a bucina (3-3) cun tanto de Diego Quintela cando parecía inevitable a vitoria do Industrias Santa Coloma. O cadro catalán foise ao descanso con dous goles de renda (0-2) tras un mal inicio dos da Mariña, que tiveron premio co xogo de cinco á súa perserverancia na segunda metade.
Edu freou coa cara a chegada de Uri Santos xa aos 45 segundos de partido. Os de Santa Coloma conseguiron adiantarse, fugaces, co ex do conxunto laranxa Bruno Petry, asistido por Sepe, cun lixeiro toque ante a saída de gardameta naronés. David Álvarez ampliou a vantaxe visitante no minuto 7 e o capitán do Pescados Rubén FS mantivo ao seu equipo no encontro ao desbaratar oportunidades de Petry, de novo, e Corso. As mellores oportunidades dos de Juanma Marrube no primeiro acto chegaron ao bordo do descanso, por medio de Pitero e Matamoros.
Na segunda metade, Lucho, Quintela, Renato e Matamoros avisaron polos locais. O pivote madrileño marcou o 1-2 na estratexia, tras un saque de esquina de Álex Diz. Eran os mellores minutos do conxunto mariñao, pero o cadro catalán ampliou o seu botín por medio de Uri Santos.
Con catro minutos e medio para o final, Matamoros saltou á pista con xogo de cinco. Reduciron as diferenzas no marcador os do Mariskal ante a férrea defensa visitante cun disparo baixo de Álex Diz a falta de 1’26” e Quintela selou a igualada a falta de 47 segundos.
FICHA TÉCNICA
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Pitero,Javi Rodríguez, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Álex Diz, Lucho, David Pazos, Quintela, Giasson, Eto’o.
Industrias Santa Coloma FS: Borja Porta, Sepe, Llamas, Corso, Bruno Petry, cinco inicial; tamén xogaron Uri Santos, David Álvarez, A. Cardona, Khalid.
Goles: 0-1, minuto 3, Petry; 0-2, minuto 7, David Álvarez; 1-2, minuto 30, Matamoros; 1-3, minuto 31, Uri Santos; 2-3, minuto 39, Álex Diz; 3-3, minuto 40, Quintela.
Árbitros: Felipe Madorrán // Urdánoz Apezteguía. Por Burela amarela a Matamoros (minuto 26). Por Santa Coloma amarela a Uri Santos (minuto 24).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, a porta pechada.
NOVE PUNTOS
Os de Burela suman nove puntos na clasificación. O vindeiro rival será o Levante.